A sentenza do Tribunal de Xustiza da UE sobre a eólica non afecta a maioría dos parques paralizados polo TSXG
O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) resolveu na xornada de onte unha cuestión prexudicial formulada en xuño de 2024 polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), para que a instancia xudicial comunitaria determinase se o Goberno galego debía pór a disposición das persoas e entidades interesadas na fase de exposición pública os informes sectoriais dos proxectos eólicos co obxectivo de contar con esa información no momento de formular alegacións e participar no proceso de toma de decisión sobre as autorizacións das instalacións.
A xustiza comunitaria considera que non é necesario achegar ás partes interesadas con carácter previo ao tramite de exposición pública os informes sectoriais, que fornecen información relevante sobre os proxectos eólicos, en cuestións ambientais, enerxéticas, patrimoniais ou de saúde público. Neste sentido, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea rexeita a interpretación asumida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e avala a formulada polo Tribunal Supremo nunha sentenza ditada en decembro de 2023 en relación co parque eólico de Corme, no concello de Ponteceso, na comarca de Bergantiños.
A sentenza do TXUE conclúe que "no marco dun procedemento de avaliación de impacto ambiental dun proxecto suxeito á referida Directiva, as autoridades que poidan estar interesadas nese proxecto debido ás súa responsabilidades medioambientais específicas ou ás súas competencias locais ou rexionais son consultadas ao mesmo tempo que o público interesado, sen que este último teña dereito a formular posteriormente, ante a autoridade ou as autoridades competentes para autorizar o referido proxecto, as súas observacións e opinións sobre os ditames emitidos nese contexto polas autoridades consultadas".
A resolución das xustiza comunitaria entende que é obrigatorio "que o público interesado dispoña, a efectos da súa consulta no marco do proceso de avaliación e de autorización dos proxectos suxeitos, de toda a información á que se refire o artigo 6, apartados 2 e 3, de dita Directiva e, sobre todo, durante polo menos 30 días, do informe de avaliación de impacto ambiental elaborado". Porén, considera que "non é necesario, para ese efecto, que o público interesado teña, en calquera circunstancia, dereito a expresarse tamén, no marco de referida consulta, sobre os ditames formulados, con disposto ao artigo 6, apartado 1, da directiva".
A resolución emitida polo TXUE está en liña coa sentenza do Tribunal Supremo de 22 de decembro 2023. A mesma sinalaba, que "nin a Directiva europea sobre avaliación de repercusión de proxectos públicos e privados sobre o medio ambiente, nin a Lei 21/2013 de avaliación ambiental, impoñen, como requisito formal de obrigado cumprimento, que antes da información pública deba realizarse o trámite de consultas ás autoridades". Nesta liña, argumentaba que "as autoridades deben permitir a participación do público nunha fase temperá, (...), pero a directiva non impón exactamente o momento no que debe realizarse a información pública".
A orixe deste procedemento sitúase nun auto do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza de 21 de xaneiro de 2022 que anulaba a licenza outorgada o 16 de setembro de 2019 pola Consellaría e Economía e Industria á multinacional enerxética de capital chinés EDP para repotenciar o parque eólico de Corme, no concello de Ponteceso, na comarca de Bergantiños. Nesa sentenza, afirmábase que “o artigo 36.1 de Lei de avaliación ambiental impón que os informes sectoriais deban obterse antes do trámite de información pública".
Os xuristas consultados por Nós Diario consideran que esta sentenza do TXUE como a ditada previamente polo Tribunal Supremo non afecta a maioría dos parques eólicos paralizados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. A este respecto, o profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e especialista na materia, Fernando de Abel, sinala a Nós Diario que "a causa da paralización da practica totalidade dos parques suspendidos cautelarmente polo TSXG foi por presentar unha avaliación ambiental incompleta e non axustada a dereito".
Fernando de Abel explica que "a chave do tema non está no momento en que se debían coñecer os informe sectoriais, senón se a avaliación ambiental esta ben feita e se a declaración de impacto ambiental (DIA) se axusta a dereito e por isto último é polo que foron suspendidos a practica totalidade dos proxectos e impostas as medidas cautelares".
Xoán Antón Pérez Lema, avogado e director de Pérez-Lema asociados, un dos despachos xurídicos con máis experiencia en procedementos eólicos, apunta a Nós Diario que “a cerna das impugnacións xudiciais e das paralizacións dos proxectos non se basean na ausencia dos informes previos senón nos defectos materiais dos proxectos como a vulneración da lexislación ambiental". Neste sentido, incide que "a inmensa maioría dos proxectos eólicos están suspendido
O auto xudicial enfronta a ecoloxistas e eólicas
A sentenza Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) foi valorada positivamente pola patronal eólica e o Goberno galego. Así, o director xeral da Asociación Empresarial Eólica (AEE), Juan Virgilio Márquez, asegurou que "esta resolución devolve a confianza aos promotores" e indicou que "Galiza, cun enorme potencial renovábel, non pode permitirse máis atrasos".
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, defendeu as licenzas eólicas concedidas polo seu Executivo e apuntou que "os técnicos da Xunta son uns excelentes profesionais que traballan con rigor, profesionalidade e sen outra presión que o cumprimento da lei. Pola contra, a deputada do BNG, Noa Presas, apostou por outro modelo enerxético e firmou que o "modelo eólico do Partido Popular é depredador e non protexe nin o medio ambiente". Noutra dirección, a voceira de enerxía do PSdeG, Patricia Igrexas, "celebrou" a sentenza, mais recoñeceu que "non desbloquea moitos dos parques que aínda están suspendidos pola xustiza".
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) afirmou que "o pronunciamento do TXUE non repercutirá na maioría das paralizacións cautelares de eólicos alcanzadas pola cidadanía". Neste punto, acusou "a patronal eólica" de "enganar a cidadanía".