Unha sentenza avala a obriga de cursar Relixión no Bacharelato na Galiza para poder estudar Robótica

Un xulgado de Compostela desestimou unha demanda dunha familia que pedía a anulación da matrícula dun alumno de 1º de Bacharelato que estaba nesa situación.A denuncia fíxose a iniciativa da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e contou co asesoramento da asesoría xurídica da CIG-Ensino.

Que para estudar Robótica ou Coeducación para o século XXI no Bacharelato na Galiza haxa que cursar a materia de Relixión xerou o rexeitamento de estudantes, profesorado e familias mais un xulgado vén de avalar esa obriga. CIG-Ensino informa que unha sentenza  do Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Compostela desestimou unha demanda dunha familia que pedía a anulación da matrícula dun alumno de 1º de Bacharelato que se viu nesta situación. “O auto exime de toda responsabilidade a Xunta de Galiza malia ser esta a que publicou o Decreto de 2015, que emana da LOMCE e que regula as materias que se deben cursar como específicas en 1º de Bacharelato. Esta mesma situación tamén se dá co alumnado que escolle Coeducación para o século XXI nese mesmo curso”, explica o sindicato maioritario no ensino público galego.

Lamenta a CIG que o xuíz encargado de ditar esta sentenza asuma como “natural” que se teña que prescindir obrigatoriamente de Robótica se non se quere cursar Relixión católica e desbote os argumentos achegados na demanda que aludía a que a obriga de optar pola Relixión para poder elixir Robótica vulnera o dereito fundamental á educación, en relación cos dereitos fundamentais de liberdade ideolóxica e de igualdade.

A fundamentación da denuncia, explica a central, contra o acto de matrícula materializado no curso 2017/2018 baseábase en que “o alumnado con conviccións relixiosas católicas poderá cursar todas as materias do currículo escolar, mentres que o alumnado que queira ver respectadas as súas conviccións verá restrinxida a súa capacidade de elección, dispoñendo dunha oferta curricular menor”.

No auto atribúese a responsabilidade desta situación exclusivamente á configuración da oferta formativa dos centros educativos, sen ter en conta que a norma que regula o currículo de 1º curso de Bacharelato emana da LOMCE e que a Consellaría de Educación tamén tería potestade para modificar esta cuestión.

“No citado Decreto 86/2015 especifícase que Relixión católica é a única materia específica cunha carga lectiva dunha hora semanal e que o total de horas que deben sumar as materias específicas de opción e as de libre configuración neste curso é de seis horas semanais, tendo que cursar o alumnado un total de tres. Pola súa parte, Robótica, Antropoloxía ou Coeducación para o século XXI, por exemplo, son materias de libre configuración autonómica que, segundo as Ordes da Xunta que as regulan, teñen unha carga lectiva de dúas horas semanais. Así pois, e dado que os centros teñen que ofertar, sempre que teñan matrícula suficiente, todas as materias específicas (que teñen disparidade horaria chegando algunhas a catro horas semanais), calquera estudante que opte por algunha das materiais de libre configuración autonómicas terá que completar obrigatoriamente as seis horas con Relixión católica”.

Parlamento

O BNG  exixe a derrogación da LOMCE e a supresión da relixión do currículo escolar. “A sentenza xudicial é moi clara, para garantir o dereito do alumnado a non cursar relixión obrígante a renunciar a formación noutros ámbitos como a Robótica”, indican as nacionalistas, que teñen claro que "non se é libre para escoller cando se obriga a renunciar, cando se restrinxe a capacidade de elección daquel estudantado que non quere cursar relixión".