Relixión, obrigatoria de facto no bacharelato galego

A configuración do itinerario do bacharelato galego coa Lomce obriga a escoller a materia relixiosa, aínda que non se queira, para poder cursar outras, como Coeducación ou Antropoloxía.

Alumnos e alumnas de bacharelato que teñen que cursar relixión sen querer. Non é que lles obriguen os pais e nais ou o propio centro. É que o propio deseño de itinerarios do bacharelato na Galiza leva a que esa ou ese estudante se quer cursar determinadas materias acabe tendo que coller tamén Relixión (que é materia específica) para poder cumprir cos requisitos do itinerario. “Eu teño alumnas que gostarían de coller a materia de Antropoloxía e non o fan porque terían que coller tamén Relixión”, afirma Carme Adán, profesora de Filosofía. Adán iniciou unha campaña para tentar poñer fin a esta situación. “Este problema vén da Lomce”, denuncia.

 

Unha das materias coas que acontece ese ter que cursar Relixión católica é coa de Coeducación. “Non ten ningún sentido”, indica esta profesora, exdeputada nacionalista no Parlamento galego. Esta situación xa fora denunciada en 2016 pola Confederación de Anpas Galegas.

 

O Real decreto 86/2015-12 estabelece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Galiza. Aí fíxase a suma de horas lectivas semanais das materias específicas, de libre configuración autonómica, e de oferta do centro docente, que se ten que dar. Calquera combinación ten que incluír como mínimo dúas materias específicas, o grupo onde se oferta necesariamente a materia de Relixión.

 

E que se pode facer? Carme Adán achega unha proposta: que a Consellaría de Educación oferte máis materias específicas dunha hora porque en moitos centros a única que hai é Relixión. Que a Xunta modifique o actual marco normativo, e ten capacidade para facelo, para que, en ningún caso, ningún alumno ou alumna, escolla a combinación de materias que desexe escoller, teña que verse abocado sen remedio a cursar a materia de Relixión Católica.

 

A cuestión vai chegar ao Parlamento da man dunha iniciativa do BNG.