Sensibilizar, visibilizar e reivindicar, propósitos para o Día Mundial da Síndrome de Down na Galiza

Unha das persoas usuarias de Down Galiza durante a súa xornada laboral. (Foto: Down Galiza)
Down Galicia organiza o seu acto central no Teatro Principal de Ourense, no cal tamén se conmemorará o 20 aniversario da Asociación Down Ourense.

A Federación Down Galicia únese o vindeiro terza feira día 21 de marzo aos actos conmemorativos do Día Mundial da Síndrome de Down con actividades en toda a Galiza, co obxectivo de “sensibilizar e dar visibilidade ás persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais” e facer ouvir as súas reivindicacións.

Un ano máis, a entidade na Galiza tamén se suma á campaña de Down España que nesta ocasión enmárcase baixo o lema 'Non somos un estereotipo, somos moito máis', coa fin de "cambiar a forma de ver as persoas con síndrome de Down, que a miúdo está cargada de prexuízos e estereotipos que dificultan a súa inclusión social".

Nacións Unidas aprobou en novembro de 2011 a declaración do 21 de marzo como Día Mundial da síndrome de Down. Estabeleceuse esta data como un símbolo, en referencia á triplicación (trisomía) do cromosoma 21 que se traduce na condición xenética da síndrome de Down.

Acto central en Ourense

Así, Down Galicia organiza o seu acto central no Teatro Principal de Ourense, no cal tamén se conmemorará o 20 aniversario da Asociación Down Ourense e entregaranse os VIII Premios Down Galicia, co obxectivo de “recoñecer o labor a favor da promoción da autonomía e igualdade das persoas con síndrome de Down, realizado tanto por institucións e entidades como por persoas particulares”.

Deste modo, nesta edición os galardóns recaen en categoría individual en Ana Belén Fernández, "pola súa desinteresada colaboración para impulsar no ano 2003 a creación de Down Ourense e polo acompañamento que brinda ás novas familias desde a unidade de atención temperá do Centro Hospitalario de Ourense".

Así mesmo, na categoría institucional o galardón será este ano para Rodríguez López Auto, "pola súa sensibilidade e longa traxectoria de apoio incondicional á inclusión laboral das persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais desde o ano 2012".

Ademais, neste ano no que a Federación Down Galicia fai 25 anos, outórgase un Premio Extraordinario á firma internacional de servizos legais Garrigues, "pola súa desinteresada colaboración coas entidades Down, achegando sempre unha resposta satisfactoria ás súas consultas e facéndoo dunha maneira eficiente e eficaz".

Este acto central contará tamén con varias charlas que incluirán experiencias de vida en ámbitos como a educación, o emprego ou a vida independente e que estarán protagonizados por profesorado, empresarios locais, familias e persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.

O acto concluirá coa lectura do Manifesto pola Promoción da Autonomía Persoal, a cargo de usuarios da entidade, e a actuación da Real Banda de Gaitas de Ourense.

Outras actividades

Ademais deste acto central, as entidades locais organizan diferentes actividades para conmemorar esta efeméride en varias cidades galegas.

No caso de Down Lugo, a partir das 11.30 horas organiza unha mesa informativa e unha exposición de fotografías sobre emprego inclusivo na Praza Maior e pola tarde realizará unha camiñada reivindicativa polas rúas da cidade que partirá ás 18 horas da Praza de Santo Domingo e finalizará na Praza Maior, onde lerán o Manifesto pola Promoción da Autonomía Persoal.

En Ferrol, usuarios de 'Teima' Down Ferrol lerán a manifesta fronte ao Teatro Jofre ás 21 horas, mentres que en Pontevedra Down Pontevedra 'Xuntos' colgará unha pancarta na Casa da Luz.

Así mesmo, na cidade de Vigo as actividades decorreron xa desde a sexta feira, cun desfile inclusivo en colaboración coa firma Decathlon no escenario Vigo Exporta do centro comercial Vialia. Xa o propio día 21 exporán a mostra 'Onde pode ser' na planta baixa do centro comercial Gran Vía.

Trátase dun proxecto colaborativo no cal as persoas con síndrome de Down e diversidade intelectual visibilizan as diferentes realidades.

Por outra parte, no marco desta data conmemorativa, Santiago acollerá a gala dos X Premios Down Compostela, que será a cuarta feira 22 de marzo, a partir das 20.30 horas, no Hostal dos Reis Católicos.