Máis unha escola unitaria con perigo de peche en Ponteareas

Mobilización da comunidade educativa de Ponteareas en San Caetano.

Nais e pais do rural ponteareán concentráronse fronte ás dependencias da Xunta en San Caetano para esixir a permanencia do centro San Mateo de Oliveira

Na mañá desta segunda feira, parte da comunidade educativa de Ponteareas mobilizouse fronte ás dependencias centrais da Xunta. A Administración galega deu nos últimos meses un ultimato á escola unitaria de San Mateo de Oliveira, que pechará no vindeiro curso se non chega a unha cifra mínima de alumnado. No interior das instalacións, o alcalde do Concello, Xosé Represas Giráldez, e a concelleira de Educación, Cristina Fernández, reuníanse co secretario xeral técnico de Educación, Jesús Oitavén, para tratar de garantir a continuidade do servizo. No encontro tamén estaban presentes dúas persoas representantes das nais e pais do CRA A Picaraña.

 

“Néganse a facer calquera tipo de negociación. Se hai menos de seis nenos, pechan a escola, asegurando que se era así tampouco abriría para o vindeiro ano. Non aceptan ampliar a alumnado de primaria nin nada”, explicaba Cristina Fernández á saída da reunión. A edil de educación do concello ponteareán –que desde 2015 destinou 17.352,42 euros en mantemento, conservación e dotacións para as unitarias– ve nesta posición do Executivo un intento claro pechar este tipo de centros. “O propio secretario díxolle ao alcalde cando marchabamos ‘ti propón e creamos un CEIP novo cando queiras’”, conta.

 

Recentralizar o alumnado fóra do rural

 

Actualmente, o Colexio Rural Agrupado A Picaraña de Ponteareas conta con 7 escolas unitarias adscritas. Neles, crianzas de 6 parroquias teñen a oportunidade de recibir un ensino público no seu entorno máis próximo. Mesmo nais e pais residentes no centro urbano optan por matricularen as fillas nos centros unitarios pola boa calidade asistencial. Non obstante, nas últimas décadas a consellaría de Educación foi suprimindo os servizos atendendo a criterios numéricos até chegar á cifra actual. O seguinte centro en ver perigar a súa supervivencia é o devandito San Mateo de Oliveira. Se fecha, obrigará o seu alumnado actual –de entre 3 e 5 anos– a se desprazar arredor de 4 quilómetros cada día para acudir á escola máis próxima.

 

Alén do CRA A Picaraña, no rural de Ponteareas só figuran o CEIP Feliciano Barrera e o CEIP Santiago de Oliveira, onde –utilizando os mesmos criterios de cifras de alumnado– tamén será suprimida unha aula de infantil. O Feliciano Barrera, localizado na parroquia de Guláns, tamén estivera ameazada de peche perante a escaseza de alumnado. “Conseguiron mantela aberta e agora aumentaron matrículas, por iso se no momento perdes alumnos sempre podes recuperalos, mais se pecha logo non abre de novo”, comenta a concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, quen tamén critica os recortes nos servizos públicos mentres a Xunta “amplía prazas dos centros subvencionados” da localidade, cuxo centro urbano conta con tres escolas públicas e dúas concertadas.

 

Desde o Concello tamén chaman a atención sobre como a Administración galega promociona o medio rural mentres que non dota dos servizos básicos as persoas que alí viven. “Os pais están moi implicados e non queren desfacerse da escola, vena como un servizo máis para a parroquia, uns servizos que neste momento escasean porque non só se carece de recursos educativos, senón tamén de transportes públicos, suficientes médicos nos centros de saúde –en Ponteareas viven 5.000 menores e non existe un servizo de urxencia pediátrica–… e todo isto suma ao sistema que temos agora, onde tende a desaparecer o rural, por moito que a Xunta o promocione en medios e redes sociais”, critica Fernández.