A sangría educativa: máis de 200 centros de ensino fechados na Galiza nunha década

Imaxe dunha protesta contra o feche dunha unitaria.

Anpas Galegas e Rede do Rural piden unha moratoria para as resolucións de fechamento de unidades e recurso educativos no rural.

O curso 2018/2019 iniciou na Galiza con 74 aulas de Infantil e Primaria menos e 400 docentes interinas despedidas. Un curso no que escolas unitarias como, por exemplo, a de San Mateo de Oliveira (Ponteareas), tiveron que fechar as portas. No curso anterior, 2017/2018 foron 9 as escolas unitarias que fecharon. Nas vindeiras semanas a Xunta anunciará as unitarias e aulas que seguirán ese mesmo camiño no 2018/2019.

A Confederación de Anpas Galegas vén de dirixirse á Valedora do Pobo para pedirlle que interveña, que inste a Consellaría de Educación a responder ás solicitudes de reunión formalizas polas Anpas e a Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural. Estas entidades queren trasladarlle á administración a preocupación existente na comunidade educativa do rural galego perante os feches. Piden, aliás, unha moratoria nas resolucións de feches de escolas e de unidades e recursos educativos no rural. Peticións que fixeron en 2018 e ficaron sen resposta e peticións que volven realizar este mes.

Máis de 200 centros escolares tiveron que botar o fecho na última década na Galiza. Unha medida que se repite curso tras curso e que ten un importante impacto nas zonas afectadas. A queda da natalidade e o criterio da Xunta de que por baixo de seis alumnos fecha un centro explican ese importante número de clausuras. A Xunta xustifica estas medidas con argumentos como a da queda da natalidade: desde comezos da década dos 90 a 2015 pasamos de ter na Galiza 120.300 crianzas de entre 0 e 4 anos de idade a 104.800.

Porén, entre a comunidade escolar sinalan os criterios da Xunta como responsábeis do fechamento das unitarias, un modelo que defenden pola calidade do ensino e pola súa implicación na súa propia contorna. Os sindicatos do ensino, aliás, enmarcan o fechamento de unitarias, así como a eliminación de unidades e recortes no profesorado, nunha política da Consellaría contra o ensino público.

Sonia Otero, nai dun alumno do CEIP O Calvario (Queixas-Cerceda), foi unha das veciñas que en 2016 se mobilizaron para evitar a clausura deste centro. Explicaba a unitaria como un centro integrado no seu entorno. Un modelo que se desmantela aquí mentres en países europeos apostan nela con decisión. “Os nenos son como unha pequena familia, os máis grandes ensinan os máis pequenos, aprenden todos...” Ao tempo, estabelécese unha rede máis estreita entre os pais e nais das crianzas, así como toda a comunidade escolar e o entorno onde se asenta.