Unha semana de palestras ambientais para preparar a acción global polo clima

Imaxe dunha acción polo clima en Vigo.
O Movemento Galego polo Clima súmase á convocatoria internacional que prepara para sexta feira, día 24, unha mobilización  desde as fiestras e os balcóns na que reivindicar unha saída sustentábel da crise sanitaria derivada da COVID-19. Para completar esta acción, a plataforma organiza cada día palestras telemáticas, que esta tarde (18 horas) falarán de educación ambiental con Xulio Carmona, da Ecoloxistas en Acción.  

Esta semana de xornadas web, que se poden seguir a través da da sala virtual de jit.si e que coinciden tamén coa celebración, mañá, do Día Internacional da Terra, son o anticipo da acción do día 24, convocada para as 22 horas baixo o cancelo #accionglobalpoloclima, coa que se propón que a sociedade "saia do inmobilismo actual para transformar a actividade económica de maneira climática e socialmente xusta". 

O chamado  estaba previsto para ser realizado nas rúas pero, ante a crise sanitaria e social do coronavirus e as restricións que derivan desa, realizarase desde as casas, a través da "manifestación de luces e sombras", cuxas imaxes e vídeos poderán compartirse a través das redes sociais.

Entidades como Verdegaia, unha das organizacións que fan parte no Movemento Galego polo Clima, apuntan unha serie de principios a reivindicar con esta acción, como son, desde o punto de vista climático, enfrontar unha redución drástica das emisións netas de gases de efecto invernadoiro, en liña coas indicacións científicas, e, desde o punto de vista social, a consideración das persoas e dos colectivos vulnerábeis como prioritarias, de cara a garantir unhas condicións de vida dignas.

A programación inclúe, mañá, ás 17 horas, a intervención do profesor da Universidade de Santiago de Compostela Pablo A. Meira, especialista en educación ambiental e social, e quen afondará na crise climática en tempos do coronavirus. Ademais, ás 20.15 horas, haberá unha segunda palestra sobre eficiencia enerxética e aforro no fogar da man de Pablo Guillán, membro da Xuventude polo Clima e Extintion Rebellion de Vigo. 

Na quinta feira, día 23, ás 18 horas, integrantes en Extintion Rebellion Galiza propoñen unha sesión titulada 'De camiño á extinción e que facer ao respecto'-

A propia sexta feira, ás 18 horas o biólogo e membro de Ecoloxistas en Acción Xosé Veiras falará da COVID-19 e a emerxencia  ecolóxica, como previa á acción climática da noite.