Social

A selectividade será na Galiza entre 7 e 9 de xullo

Reunión telemática entre Xunta e CIUG (Xunta).
A convocatoria ordinaria das probas pasa ao mes de xullo coa intención de ter os seus resultados antes do día 17, as datas para as probas extraordinarias ficaron sen concretarse mais será xa en setembro.

As alumnas galegas realizarán as probas de bacharelato de acceso á universidade (ABAU) entre o 7 e o 9 de xullo. Así o acordou a Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional nunha reunión telemática coa Comisión Interuniversitaria do país.

Galiza adapta así o calendario da selectividade ás pautas abordadas a semana pasada na Conferencia Sectorial de Educación, presidida pola ministra Isabel Celaá xunto coas responsábeis do ramo de todos os territorios do Estado para tratar as consecuencias do estado de alarma e a crise sanitaria.

A convocatoria ordinaria das probas pasará a realizarse, así, nas datas que previra inicialmente para a extraordinaria, que agora se trasladaría ao mes de setembro (período no que viña realizando tradicionalmente antes de implantarse o modelo da ABAU).

Educación destaca que esta nova data permite dispor de marxe para cumprir o prazo de publicación dos resultados das probas con anterioridade ao 17 de xullo.

De momento non hai data fixada para a convocatoria extraordinaria que, segundo o acordo entre o Goberno central e as comunidades autónomas, celebrarase antes do 10 de setembro, coa publicación de resultados antes do 18 dese mesmo mes.

Formato con máis opcións

O modelo de proba, que non experimentará modificacións en profundidade, exporase co obxectivo de que o alumnado non se vexa prexudicado por non traballar en clase algún bloque de contido e asegurar o acceso á universidade en termos de equidade.

Deste xeito, manterase un formado similar ao actual, cos mesmos tempos de realización, pero incrementarase a opcionalidade para asegurar que o aspirante poida lograr a máxima puntuación sen que llo impida o feito de non recibir algún dos contidos previstos.