A Selectividade este ano será finalmente presencial e farase antes do 18 de xuño

Estudantes de Bacharelato do IES Vilar Ponte de Viveiro durante as probas da ABAU (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Os resultados provisionais das probas serán publicados antes do 25 de xuño.

A Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU), tamén coñecida como Selectividade, realizarase finalmente este ano de maneira presencial, a pesar da pandemia de coronavirus e das medidas extraordinarias que se tomen por mor diso. E terase que facer antes do 18 de xuño.

Así consta na orde do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática, publicada hoxe no BOE, pola que se determinan as características, o deseño e o contido da avaliación de Bacharelato para o acceso á Universidade, e as datas máximas de realización e de resolución dos procedementos de revisión das cualificacións obtidas, no curso 2020-2021.

O documento non establece unha alternativa telemática nin en liña á realización presencial das probas, como si o facía dita orde en novembro, cando se atopaba en fase de borrador.

Neste sentido, o documento recolle agora que tendo en conta a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada pola Covid-19 (as Administracións educativas, en colaboración coas universidades) velarán por que se arbitren os procedementos necesarios para garantir a súa normal realización nas datas previstas, con independencia das medidas excepcionais que puidesen estar implantadas nese momento nos seus respectivos territorios".

A orde agora publicada tamén pon data á realización dos exames, indicando que "as probas deberán finalizar antes do día 18 de xuño de 2021" e que "os resultados provisionais das probas serán publicados antes do 25 de xuño".

Isto supón realizar os exames nas datas habituais e non en datas tan tardías como as do pasado ano, xa que se adiaron as probas até o verán polo Estado de Alarma, que decretou o feche de todos os centros educativos o 16 de marzo.

Así, a Selectividade de 2020 deu inicio o 23 de xuño, alongándose na maioría de comunidades autónomas até as dúas primeiras semanas de xullo.

Así mesmo, as probas correspondentes á convocatoria extraordinaria poderían facerse en xullo ou en setembro, segundo o que decida a Administración educativa competente.

A orde contempla tamén, do mesmo modo que xa sucedeu o ano pasado polo Covid-19, que só haberá "unha única proposta de exame con varias preguntas", pero os alumnos poderán elixir, dentro dun número determinado previamente polo órgano competente, que preguntas contestar.