A seguridade laboral no mar, materia pendente

As condicións laborais e de seguridade no traballo no mar son materia pendente. O índice de sinistros laborais neste sector é superior ao de calquera outro. "Ése máis laxo e tolerante co concepto de perigo ou risco laboral no mar que en terra", sinala Xosé M. Carril, profesor de Dereito do Traballo e Seguridade Social.
O buque 'Praia Menduiña II' no porto de Saint John de Terranova (Foto: Paul Daly / Europa Press).
photo_camera O buque 'Praia Menduiña II' no porto de Saint John de Terranova (Foto: Paul Daly / Europa Press)

Balbino González, de Porto do Son, fixo a súa primeira marea con pouco máis de 15 anos ao caladoiro do Gran Sol. Acumula case catro décadas de traballos en caladoiros como Terra Nova, Namibia ou Noruega. "Neste tempo melloraron as condicións técnicas, melloraron a comodidades a bordo e melloraron os barcos; mais as condicións de traballo pouco melloraron", afirma.

As condicións e seguridade laboral no mar continúan a ser materia pendente. Ningún outro sector laboral rexistra a incidencia de sinistros laborais e mortalidade que o do mar: case 400 falecidos en 25 anos.

O presidente da Federación Galega de Confrarías, o ribeirense José Antonio Pérez Sieira, resumíao nunhas declaracións a Nós Diario: "O traballo do mar é moi duro, non hai outra".

Porén, esa dureza non debería de implicar un 'fatalismo' ou 'desculpa' a respecto do traballo no mar e os seus perigos. Así o apunta Xosé Manuel Carril, profesor de Dereito do Traballo e Seguridade Social na Universidade da Coruña: "Cando hai un risco ou perigo en terra, por exemplo un temporal, paralízase a actividade; mais en certas frotas pesqueiras, non", sinala a Nós Diario.

"Visión integral"

Para Carril, todo o relacionado coa prevención de riscos laborais, condicións de traballo e a Seguridade Social "deberíase facer tendo en conta de que se trata dun centro de traballo itinerante". Neste sentido explica que "gran parte da lexislación está pensada desde terra para terra e non para o mar".

Este profesor da Universidade da Coruña salienta que a propia Organización Internacional do Traballo (OIT) e a Unión Europea (UE) "poñen de manifesto que onde máis accidentes hai é nas actividades marítimo-pesqueiras", sobre todo aquelas que se realizan a bordo dos buques de pesca. Por este motivo cre que o Estado español "debería mellorar a regulación das condicións de traballo nas embarcacións". O que resume en ir cara a un traballo "ben protexido, ben regulado e ben remunerado".

Apunta que o convenio 188 da OIT sobre a pesca "non foi ratificado polo Estado español" da mesma maneira que a directiva específica europea para aplicación deste convenio, "a 2017/159 tampouco a foi en prazo". Engade, ademais, que se se compara a situación do Estado español "con outras como Portugal ou Francia, aquí segue a ser unha materia pendente". 

Diferenzas

"O traballo no mar é penoso, duro e perigoso", salienta Carril, e incide que mentres nos oficios en terra está asumido "que se paralice a actividade laboral se hai risco ou perigo para as vidas", no mar isto segue a ser "máis laxo". "Por que hai barcos que traballan cando hai temporais no canto de capear ou buscar refuxio?", pregúntase.

Convenios

Xabier Aboi, da CIG-Mar, resume a situación do sector marítimo cunha pregunta — "Cantos convenios colectivos hai no sector do mar no Estado?"— que el mesmo responde: "Ningún". Así pois, engade, poucas garantías laborais, de seguridade e salariais pode haber.

Para Balbino González, no mar hai moito que traballar para lograr unhas condicións dignas: "Hai barcos onde traballas 18 horas e descansas seis, e así até que enchas as adegas".

A Organización Internacional do Traballo (OIT) considera o de mariñeiro como unha das profesións máis perigosas. Entre 1994 e 2020 perderon a vida na Galiza 384 traballadoras e traballadores do mar. Tan só entre 2014 e 2020 foron 70 os falecidos, e o número de sinistros laborais relacionados coa pesca foi de 7.091. 

Comentarios