As Neves vive unha situación "moi crítica" con dúas frontes que ameazan as casas
Unha densa fumareda na Autovía A-52 ao seu paso polas Neves provoca tráfico irregular en ambos os dous sentidos. A Xunta decreta a Situación 2 pola proximidade ao núcelo da Abelleira e Portela. Prevese o envío de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Un incendio no concello das Neves (O Condado), parroquia de Batalláns, ameaza a autovía das Rías Baixas, A-52. Fontes de Medio Rural explican a Europa Press que a fumareda provocou "limitacións" no tráfico, e a superficie afectada polo fogo anda ao redor das 50 hectáreas.
Hai unha densa fumareda próxima á vía. A Dirección Xeral de Tráfico notifica retencións e unha circulación "irregular" no quilómetro 286 en ambos os dous sentidos, ao seu paso polo lugar de Lousadela. A Xunta decretou a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade ao núcleo da Abelleira.
O alcalde das Neves, José Manuel Alfonso, relata que o municipio vive unha situación "moi crítica" con dúas frontes que ameazan as casas nos lugares de Abelleira e Portela. En declaracións a Europa Press, o rexedor explica que, perto das 20 horas, aínda non foi necesario desaloxar veciños, aínda que se informou, con axuda de "moita presenza" da Garda Civil, aos habitantes destes núcleos que permanezan confinados nas súas casas e "extremen" precaucións. Advirte de que hai "moito vento" e o fogo perto de Abelleira, ademais de que preocupa a chegada ao núcleo de Portela.Prevese o envío de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
O Concello da Fonsagrada (comarca homónima) rexistra esta cuarta feira un segundo incendio activo, na parroquia de Cereixido, que se suma ao iniciado da pasada terza feira na parroquia de Monteseiro, tamén sen controlar.
En declaracións a Europa Press, o alcalde da Fonsagrada, Carlos López, explica que o Concello vive xa un segundo incendio que "complica" a extinción despois do fogo iniciado a terza feira. Seguen sen control os incendios de Ponteceso e Camariñas que obrigaron a desaloxos: arrasan máis de 100 hectáreas Precisamente, o incendio de Monteseiro obrigou a desaloxar tres persoas de Palmeán que "corrían perigo" nunha casa durante a noite. Foron trasladadas a un hotel e esta cuarta feira voltaron á vivenda para recoller as súas pertenzas e marcharse ao seu lugar de residencia nas Pontes. O rexedor, que valora o traballo dos medios chegados ao municipio, relata os problemas para apagar o fogo nunha zona "moi pendente" en Monteseiro. Lamenta que as perspectivas non son boas "mentres siga facendo calor e 'nordés".
Fontes da Consellaría do Medio Rural explican que o novo incendio iniciouse ás 13.07 horas. Sobre as 18.30 horas era inferior ás 20 hectáreas. Traballan cinco avións, cinco helicópteros, catro brigadas e cinco motobombas, entre outros medios. Mentres, a última estimación da Xunta do incendio de Monteseiro é de 120 hectáreas arrasadas, aínda que fontes do servizo de extinción sosteñen que esa superficie é xa moito maior.Máis aló dos fogos sen control que ameazaron casas a pasada terza feira tanto en Ponteceso (Bergantiños) como en Camariñas (Terra de Soneira), esta cuarta feira declarouse outro incendio no Concello da Pobra do Brollón (Terra de Lemos), parroquia de Castroncelos, controlado desde as 17.53 horas, con media hectárea queimada. Conta co traballo de dous avións e unha pa, entre outros.Tamén foi extinguido un incendio no municipio do Carballiño ás 16.25 horas, iniciado unha hora antes.