Seguen sen control os incendios de Ponteceso e Camariñas que obrigaron a desaloxos: arrasan máis de 100 hectáreas

Tarefas de extinción do fogo en Ponteceso. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
Permanece activo o incendio da Fonsagrada, que xa queimou 120 hectáreas.

Os incendios forestais dos municipios de Ponteceso (Bergantiños) e Camariñas (Terra de Soneira), iniciados a pasada terza feira e que obrigaron a desaloxos de veciños ao declararse a Situación 2 por perigo para as casas, continúan sen control pasadas as 15 horas desta cuarta feira tras arrasar 110 hectáreas entre ambos os dous.

As autoridades informaron que os veciños desaloxados xa volveron ás súas vivendas ao longo da noite.

O incendio de Camariñas, parroquia de Xaviña, segue activo tras iniciarse ás 16:57 horas da terza. Declarouse a Situación 2 por perigo para as casas no núcleo de Pedrouso.

Entre outros medios, participan un helicóptero e seis motobombas. Queimou 50 hectáreas, segundo os últimos datos ofrecidos pola Consellería do Medio Rural na mañá desta cuarta feira.

No caso de Ponteceso, parroquia de Corme Aldea, o fogo segue activo tras comezar ás 14.12 horas da terza. A Xunta sostén que este incendio foi "intencionado" ao declararse en catro focos por riba de Guxín nunha xornada de fortes ventos do nordés.

Participan dous avións -durante boa parte da terza non puido haber medios aéreos por condicións meteorolóxicas- e 11 motobombas, entre outros. Queimou até o de agora 60 hectáreas, segundo datos de primeira hora da mañá de Medio Rural.

A Unidade Militar de Emerxencias (UME) incorporouse durante a noite da terza feira aos labores de extinción dos incendios de Ponteceso e Camariñas.

Por outra parte, permanece activo o incendio no municipio da Fonsagrada (comarca homónima), na parroquia de Monteseiro, iniciado ás 15.30 horas da terza, cunha superficie calcinada que aumenta até a 120 hectáreas.