O seguinte grupo en ser vacinado: o de 65 a 69 anos, con AstraZeneca

Longas colas para acceder ao punto de vacinación habilitado na Cidade da Cultura de Compostela, a pasada terza feira (Foto: Arxina).

A Consellaría de Sanidade confirmou esta sexta feira que as persoas do grupo de idade de entre 65 e 69 anos serán as próximas en ser vacinadas contra o Covid-19 e que, unha vez que se inocule a este colectivo, reiniciarase a vacinación do persoal esencial que aínda non recibiu a súa dose.

Así o trasladou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en resposta aos medios durante un acto no hospital Meixoeiro de Vigo, no que tamén participou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo e no que García Comesaña lembrou que, cando o Consello Interterritorial de Saúde decidiu suspender a vacinación con AstraZeneca, "no mesmo momento, estabeleceuse a suspensión da vacinación dos grupos esenciais".

"Todo quedou pendente da evolución da indicación de AstraZeneca, e o que temos contemplado é que imos traballar co grupo de 65 a 69 anos, que é o principal obxectivo agora mesmo", sinalou.

Por tanto, Galiza finalizará primeiro a vacinación do grupo 60-65 anos e despois iniciará a inmunización do colectivo entre 65 e 69 anos, que agora mesmo está á espera de ser chamado, aínda que o conselleiro non concretou datas para o inicio da vacinación a este grupo.

"Unha vez rematado este colectivo" de idade, "reiniciarase a vacinación do persoal esencial que non está vacinado".

Persoal "esencial"

Unha vez que o Sergas finalice co colectivo entre 65 e 69 anos, priorizarase as persoas dos grupos declarados esenciais menores de 60 anos e que non están vacinados. No caso dos docentes galegos, trátase dun 16%, mentres que na comunidade educativa hai outro 12% de persoal non docente que non recibiu ningunha dose.

Ademais, varias organizacións sindicais da Policía Nacional denunciaron que os axentes de entre 56 e 60 anos non foron vacinados como parte do colectivo esencial, e remitiron unha carta ao conselleiro de Sanidade para que os cite de forma "urxente". De non logralo, pedirán o "amparo" do Ministerio de Sanidade, como ocorreu en Catalunya.

Tamén expresou a súa queixa o colectivo de educadores físico-deportivos que traballan en centros con licenza sanitaria, e que non están incorporados no plan de vacinación, aínda que outros compañeiros nestas instalacións xa foron vacinados "hai semanas".

60.000 persoas cunha soa dose de AstraZeneca

Galiza conta cunhas 60.000 persoas de colectivos esenciais (menores de 60 anos) que xa recibiron a primeira dose de AstraZeneca e que están á espera dos estudos que determinen con que segunda vacina van ser administrados.

A Axencia Europea do Medicamento (EMA) desaconsellou na sexta feira a vacinación cunha soa dose de AstraZeneca, á vez que o Ministerio de Sanidade decidiu na pasada cuarta feira impedir que as persoas menores de 60 anos que recibiron a primeira dose poidan pór a segunda aínda de maneira voluntaria.

Finalmente, queda por saber se a ficha técnica da vacina de Janssen se ampliará a outro colectivo máis aló do grupo entre 70 e 79 anos. As doses deste preparado estanse inoculando actualmente a domicilio e non se esperan grandes remesas até xuño.