O seguimento da folga na CRTVG é de 90%, segundo o comité

Un dato "histórico” para os sindicatos convocantes do paro na “defensa dos servizos públicos” e contra a “manipulación” que decorre desde as 00.00 horas. A greve alterou a programación habitual televisiva e radiofónica.

O seguimento da greve convocada na radio e televisión pública galega é de 90%, segundo o comité intercentros, un dato que os propios sindicatos consideran “histórico” e que mostra o apoio entre o persoal a unha folga convocada contra o “desmantelamento, a manipulación, e a represión” nos medios públicos galegos.

 

Desde as 00:00 o persoal dos medios públicos galegos está en greve. Desde primeiras horas da mañá máis de cen persoas concentráronse perante o Parlamento de Galiza e ás 12:00 horas houbo unha manifestación até a Praza Roxa na que participaron perto de 400 persoas. A programación habitual veuse alterada polo paro, quer na televisión quer na radio. 

 

O comité Intercentros denuncia “que a actual directiva da CRTVG está a executar un desmantelamento do medio con sucesivas decisións que van en detrimento da encomenda de servizo para a que foi concibido o medio”

Hai tantos motivos para ir a esta greve que é difícil atopar unha razón para non secundala, sobran os motivos para ir”. Esta afirmación dunha das integrantes do comité intercentros da CRTVG, en conversa con Sermos Galiza, expresaba en novembro o convencemento na necesidade dos paros convocados nos medios públicos galegos, paros que agora dan paso a unha folga. O conflito vén de vello e as diferentes reunións que nestas semanas mantiveron o comité intercentros e a dirección da CRTVG non acabaron en acordo.

 

Entre as reivindicacións, hai demandas centradas na recuperación da produción propia interna e na supresión da externalización da produción e servizos. Outras das reivindicacións afondan máis no laboral, como as que atinxen a garantía de mantemento do emprego, a fin da utilización “fraudulenta” de bolseiras ou a negociación do cadro de persoal e mantemento do emprego.

A defensa da CRTVG como medio público e independente tamén é unha das demandas destes paros. Destarte, o persoal exixe a “fin da política represiva” ou a fin da “manipulación informativa”, ao tempo que se reclama a creación do consello de informativos e o estatuto profesional contemplados na Lei 9/ 2011.