“Non ao desmantelamento, non á manipulación, non á represión”: folga de 24 horas na CRTVG

Desde as 00:00 o persoal dos medios públicos galegos está en greve. Un paro no que se combinan reivindicacións laborais coa demanda de recuperación da produción propia ou a defensa da CRTVG como medio público e independente, sen manipulación. Ás 10:00 horas desta cuarta feira hai convocada unha concentración diante do Parlamento e ás 12:00 horas, unha manifestación.

“Hai tantos motivos para ir a esta greve que é difícil atopar unha razón para non secundala, sobran os motivos para ir”. Esta afirmación dunha das integrantes do comité intercentros da CRTVG, en conversa con Sermos Galiza, expresaba en novembro o convencemento na necesidade dos paros convocados nos medios públicos galegos, paros que agora dan paso a unha folga. A radio e a televisión pública galega están en folga. Esta cuarta feira, día 19, e o vindeiro sábado, día 22 de decembro, o persoal está convocado a unha greve que se suma ás sete xornadas de paros parciais que tiveron lugar en novembro e inicios do presente mes.

 

O conflito vén de vello e as diferentes reunións que nestas semanas mantiveron o comité intercentros e a dirección da CRTVG non acabaron en acordo. A última delas, esta mesma segunda feira, acollía unha proposta da empresa que os e as representantes do persoal cualificaban como “inasumíbel”. “A dirección non mostrou durante as negociacións dos últimos días unha vontade seria para ofrecer medidas que permitan a desconvocatoria das mobilizacións, facendo propostas febles ou insuficientes”, indican desde o comité.

 

O comité Intercentros denuncia “que a actual directiva da CRTVG está a executar un desmantelamento do medio con sucesivas decisións que van en detrimento da encomenda de servizo para a que foi concibido o medio”

 

A táboa de reivindicacións e motivos desta greve toca diferentes cuestións. “A agresión aos medios públicos é moi grande e toca moitos paus”, como afirmara Raquel Lema, do comité de folga.

 

Así, hai demandas centradas na recuperación da produción propia interna e na supresión da externalización da produción e servizos. Outras das reivindicacións afondan máis no laboral, como as que atinxen a garantía de mantemento do emprego, a fin da utilización “fraudulenta” de bolseiras ou a negociación do cadro de persoal e mantemento do emprego.

 

A defensa da CRTVG como medio público e independente tamén é unha das demandas destes paros. Destarte, o persoal exixe a “fin da política represiva” ou a fin da “manipulación informativa”, ao tempo que se reclama a creación do consello de informativos e o estatuto profesional contemplados na Lei 9/ 2011.

 

Concentración e manifestación

 

É un paro na defensa da CRTVG como servizo público, inciden desde o comité. Un paro que vai acompañado dunha concentración esta mesma cuarta feira (10:00 horas) diante do Parlamento de Galiza. Dúas horas despois, 12:00 horas, terá lugar unha manifestación até a Praza Roxa, onde se procederá a ler un manifesto.

 

Nun comunicado, traballadoras e traballadores da Corporación da CRTVG fan un chamado á á cidadanía e ás forzas sociais para que se sumen a ese acto que baixo o lema “Non ao desmantelamento, non á manipulación, non á represión”.