A folga en Atención Primaria ten un seguimento de entre 50 e 93% segundo as áreas sanitarias

Centro de Saúde das Pontes. Foto: @maria_chao_mart

O Sergas rebaixa estas cifras das e dos profesionais convocantes do paro a 21%. A folga pide máis medios e persoal para este servizo, así como unha organización acaída ás súas necesidades.

A folga convocada en Atención Primaria para esta cuarta feira, día 19, está a ter un seguimento diferente segundo as áreas, basculando entre 50% na de Santiago e máis de 90% nas de Vigo ou Ferrol, segundo profesionais convocantes desta xornada de paro. “Está a ter moita incidencia nos centros pequenos, aí é de case 100% mentres nas cidades é algo menor”, afirma a Sermos Galiza o médico de familia Ramón Veras, un dos portavoces da Asemblea de Áreas Sanitarias (AAS), que convoca os paros. Ás 12:00 comezaba en Compostela unha manifestación. "Se tivésemos que sintetizar nunha frase o motivo desta folga sería "Queremos tempo para atender os nosos pacientes, para facer o noso traballo correctamente"", indican as convocantes. 

Na área da Coruña o seguimento entre o persoal chamado a esta greve sitúase, segundo os cálculos das e dos convocantes en 80%, porcentaxe similar á que se está a rexistrar na de Pontevedra, que estaría en 75%. En Lugo é de por volta de 50%.

Porén, desde o Sergas rebáixase esa cifra a unha media de 21,2% de seguimento do paro en todo o país.

A folga responde ao deterioro que nestes anos sufriu Atención Primaria, denuncian as profesionais, unha deterioración “das condicións de traballo asistencia”, por mor dos recortes e tamén “da mala xestión”, así como da carencia de recursos e falla de persoal.

A isto engaden a “nula intención da Consellería de Sanidade de atender as necesidades da asistencia aos pacientes” que desde hai meses lle reclaman colectivos profesionais e sindicatos.

 “A Consellaría de Sanidade o único que fixo foi buscar amigos que lle dixesen que as cousas non estaban tan mal. Nas comisións que montou non hai xente que lle resulte crítica. Mentres puideron, utilizáronnos. Pero xa abonda. A nosa idea é continuar até que se lle dea unha solución real á Atención Primaria. Vainos a nosa vida profesional nisto e no mellor para os pacientes. Non se pode traballar nas condicións en que o facemos”, afirma Veras Castro.