Segue descontrolado o incendio no Courel, con máis de 11.000 hectáreas calcinadas

Unha persoa axuda a apagar o fogo de Folgoso do Courel (Foto: Carlos Castro/Europa Press).
Os lumes en Carballeda de Valdeorras e Vilariño de Conso permanecen controlado e estabilizado, respectivamente.

O macroincendio forestal que afecta desde hai máis de dez días os concellos da Pobra do Brollón e Folgoso do Courel, e que arrasou xa 11.100 hectáreas, segue no momento de escribir esta información sen controlar, segundo informou a Consellaría de Medio Rural.

Porén, o lume, que tivo a súa orixe en catro focos distintos que remataron por unirse, xa se dá por estabilizado.

Todos os incendios da vaga que asola a Galiza desde o pasado 15 de xullo están a esta hora controlados ou estabilizados, após calcinar unhas 33.000 hectáreas segundo os datos provisionais.

Precisamente, o último en ser extinguido, na noite da segunda feira, foi o que afectaba a parroquia de Rabal, no municipio de Oímbra, e que queimou unhas 2.100 hectáreas.

Incendios controlados

O incendio rexistrado na parroquia de Outeiro, en Quiroga, permanece agora mesmo controlado, cun balance de 250 hectáreas afectadas.

O outro grande incendio que afectou o país, en Carballeda de Valdeorras, xa está controlado, segundo detallou a Xunta da Galiza nos seus últimos reportes, após queimar 10.500 hectáreas de terreo forestal e núcleos rurais de poboación.

En canto ao concello de Vilariño de Conso, os efectivos de prevención e extinción conseguiron estabilizar unhas lapas que calcinaron 6.500 hectáreas e que provocaron danos especialmente importantes no Parque Natural do Invernadoiro.

A maiores, nos últimos días conseguiron extinguirse os seguintes incendios: Cualedro (31 hectáreas), Baiona (46 hectáreas), Melón (98 hectáreas), Quiroga (98 hectáreas), Ribadavia (67 hectáreas), Covelo (37 hectáreas), Cervantes, (322 hectáreas), Rodeiro (110 hectáreas), Palas de Rei (375 hectáreas), Antas de Ulla (54,1 hectáreas), e Oímbra (1.281 hectáreas).