Segue a crise na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés: dimite a directora de Procesos Asistenciais

Imaxe de arquivo dunha concentración ante un centro sanitario de Sanxenxo. (Foto: Somos Sanxenxo)
Era a 'número dous' da área sanitaria, só por debaixo de José Ramón Gómez, substituído polo até o de agora xerente do Sergas, José Flores.

A 'número dous' da área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Sonia Fernández-Arruty, presentou na tarde desta quinta feira a súa dimisión como directora de Procesos Asistenciais, após facerse público o cesamento do xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez.

Fontes sindicais confirmaron esta noticia a Europa Press, que enmarcan na polémica que rodeou toda a xestión de Fernández-Arruty durante os últimos meses.

Desde o pasado mes de xullo tamén se atopa vacante a Dirección de Recursos Humanos desta área Sanitaria despois da saída da súa última titular, Yolanda Lesmes, para asumir a xerencia da Universidade de Vigo.

O pasado 22 de xullo, os sindicatos CESM Galicia, Prosagap, Omega, TSP e CO-BAS esixiron o cesamento inmediato do Equipo Directivo encabezado polo xerente, a directora asistencial, o director de Enfermería, o director de Recursos Económicos e a directora de Atención Primaria para evitar unha folga na área sanitaria de Pontevedra e o Salnés.

Novo xerente da área sanitaria

En roda posterior ao Consello da Xunta, o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, explicou que a marcha de José Ramón Gómez produciuse "a petición propia", e agradeceu "máis de cinco anos de intensísimo servizo".

Sobre José Flores, que nomeará un "novo equipo directivo" na área sanitaria de Pontevedra e o Salnés, Rueda salientou o seu traballo no Sergas, despois duns anos "nada sinxelos".

O presidente galego explicou que apostou por Flores para Pontevedra porque "fixo moi bo labor" como xerente do Sergas.