Segue activo o incendio de Pantón, extinguiuse o da Fonsagrada e está controlado o de Lobios
O incendio declarado a pasada quinta feira no municipio de Pantón (Terra de Lemos) segue activo, segundo informou a Consellaría do Medio Rural, que lembrou que segue declarada a Situación 2 de forma preventiva, pola proximidade de núcleos de poboación. De feito, foi necesaria a evacuación de varias aldeas pola proximidade das chamas e algunhas vivendas foron calcinadas.
Este incendio, que se iniciou na parroquia de Pombeiro, calcinou polo momento unhas 2.000 hectáreas de terreo —unha cifra que Medio Rural non actualiza desde o sábado—, parte delas no concello veciño de Sober, e para a súa extinción mobilizáronse (medios acumulados) 21 técnicos, 143 axentes, 157 brigadas, 113 motobombas, 9 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 15 helicópteros e 12 avións. Nestes labores participaron tamén efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Aliás, o incendio da Fonsagrada, iniciado na parroquia de Trobo na madrugada do pasado sábado, deuse por extinguido á primeira hora da mañá desta segunda feira. Finalmente, resultaron afectadas unhas 40 hectáreas e para a súa extinción mobilizáronse (de forma acumulada) 14 axentes, 24 brigadas, 15 motobombas, unha pa e 3 helicópteros.
O incendio do concello mariñán de Barreiros (parroquia de Cabarcos) segue controlado desde a pasada terza feira. Este lume iniciouse o 14 de setembro e afectou unhas 140 hectáreas de monte arborado. Na súa extinción mobilizáronse 10 técnicos, 87 axentes, 121 brigadas, 94 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 3 avións.
Na serra do Xurés
Ademais, desde última hora da tarde deste domingo xa se dá por controlado o incendio declarado en Lobios (Baixa Limia), na parroquia Río Caldo, con dous focos. O lume iniciouse na madrugada do domingo e afecta polo momento 3,5 hectáreas de superficie, parte delas no Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.
Para a súa extinción mobilizáronse 14 axentes, 24 brigadas, 10 motobombas, 3 helicópteros e dous avións. Ademais, contouse coa colaboración de medios portugueses.

