Abadín

Segredo de sumario e todas as hipóteses abertas no caso da desaparición do octoxenario Enrique Bolívar

Enrique Bolívar Díaz Pardo, o octoxenario desaparecido en Abadín. (Foto:
Non hai noticias de Enrique Bolívar Díaz Pardo, veciño de Quende (Abadín, A Terra Chá), desde o pasado 3 de setembro. Nun primeiro momento falouse dunha desaparición, pero agora unha xuíza vén de decretar o segredo de sumario nunha investigación na que agora están abertas todas as hipóteses e non se descarta a implicación de terceiras persoas. O suceso podería gardar relación co achado dun coche calcinado en Ribadeo na mesma noite en que o octoxenario desapareceu.

A maxistrada do Xulgado de Instrución nº2 de Mondoñedo vén de decretar o segredo de sumario no caso da desaparición no municipio de Abadín (A Terra Chá) de Enrique Bolívar Díaz Pardo, un veciño do que non se teñen noticias desde o pasado 3 de setembro. Segundo confirman fontes da investigación citadas pola axencia Europa Press, a titular deste xulgado mindoniense autorizou a Policía Xudicial da Garda Civil a práctica dunha serie de dilixencias e declarou o segredo das actuacións.

Trátase dun home de máis de 80 anos de idade, de tez clara, ollos azuis e lentes que, segundo apuntaban as primeiras informacións, desapareceu na parroquia de Quende, onde residía. Iniciouse entón un operativo de busca entre persoal das forzas de seguridade e voluntarios, así como veciños, ante o que semellaba un caso de desorientación.

Agora, porén, a investigación trata de esclarecer se habería terceiras persoas implicadas e o operativo de voluntarios deuse por concluído após dúas semanas "buscando a fondo" polos lugares aos que se cría que podería chegar Enrique Bolívar. Fontes próximas ao caso consultadas por Europa Press recoñeceron que non se descarta ningunha hipótese.

O achado dun coche calcinado en Ribadeo esa mesma noite podería estar relacionado

E, neste senso, a Garda Civil cre que o achado dun coche calcinado —supostamente de forma intencionada— en Ribadeo (A Mariña) a mesma noite da desaparición do octoxenario, a media hora do lugar onde se lle perdería a pista, pode gardar relación con este suceso. "Dános a entender que pode ter a ver unha cousa coa outra", afirman as mesmas fontes.

Por outra parte, Roberto, o coordinador do operativo de busca, mostrou a súa preocupación por este suceso e o devir dos últimos acontecementos, co xiro radical que vén de dar a investigación con este segredo de sumario, xa que se trata, salientou, "dunha aldea tranquila" na que "nunca pasou ningún caso parecido".

Desde entón a xente "ten medo" e xa non sae soa da casa "ao non saber que puido pasar". "Pensar poderanse pensar varias cousas, pero até que nos digan algo non podemos saber nada", sinalou Roberto, en declaracións a Europa Press.

Polo de agora non hai indicios suficientes para confirmar que a desaparición de Enrique Bolívar non fose fortuíta e a aparición do seu corpo, no caso de que falecese, tería a chave da investigación.