Secundino García, alcalde de San Sadurniño: "Coa Feira Rural buscamos pór en valor o noso medio"

O nacionalista Secundino García, alcalde de San Sadurniño (Foto: Nós Diario).

O último sábado de agosto está marcado no calendario como o día en que San Sadurniño se converte en capital do desenvolvemento local, por medio da xa consolidada Feira Rural que este ano chega á súa 14ª edición. Un evento deseñado co obxectivo de reivindicar o potencial produtivo e económico das zonas rurais desde a óptica da sustentabilidade. ‘Nós Diario’ conversa co alcalde de San Sadurniño, Secundino García (BNG), para tratar esta Feira e as posibilidades que abre.

—Van xa 14 edicións da Feira Rural de San Sadurniño. Que supón para o concello?
Efectivamente van 14 edicións e é unha ferira que se foi consolidando co paso do tempo, houbo unha pequena parálise coa pandemia pero despois do éxito ano do pasado, recuperamos a feira sen ningunha restrición.

Naceu coa idea de pór en valor o medio rural galego e de conservar o país, nós así o entendemos. Trátase de pór en valor todo o que representa o medio rural e ademais apostar polo comercio local desde unha óptica lúdica. É unha feira que ademais de feira ten un aspecto lúdico, para que se poida vir pasar o día a San Sadurniño.

—Que vai encontrar quen decida achegarse a San Sadurniño na Feira Rural?
A partir das 10 de mañá, encontraranse con 76 postos moi variados, con froita, artesanía e demais. Para alén diso vai haber tamén música e un concurso da raza Can de Palleiro. Ademais dismo, haberá moitas outras actividades que se poden consultar na páxina web do concello como obradoiros infantís e visitas a hortas.

Digamos que con todas as actividades buscamos dinamizar o noso medio rural e todas as súas capacidades.

—Fala de que o ano pasado foi un éxito. Espera boa afluencia de xente para esta edición?
Si, o tempo vai acompañar, o que convida a pasar o día ao lado do río Xubia nunha paraxe natural e coñecer este concello. Hai moitas cousas que se poden facer tanto pola mañá como pola tarde así que esperamos que haxa boa afluencia de público.

—Esta non é a única feira que se fai en San Sadurniño, senón que tamén ten lugar aí a Feira da Plantación, non si?
Cando naceu inicialmente esta feira foi coa idea de recuperar os mercados tradicionais. En San Sadurniño, como na maioría de sitios do país, había unha feira que aquí desaparecera. Por iso nos decidimos a organizar estas dúas feiras.

A Feira da Plantación xa viña de atrás e era organizada por unha asociación veciñal. Cando deixaron de facela pasamos a organizala desde o Concello. As dúas estanse a converter en referenciais na comarca e están plenamente consolidadas.

—Que valor teñen as feiras na Galiza?
As feiras son algo que temos que considerar máis seriamente desde as Administracións públicas porque potencian o mercado de proximidade.

Un mercado que se nos dicía que era anticuado e nada máis lonxe da realidade. É unha maneira xenial de vender produtos do sector primario directamente á persoa consumidora. Unha maneira de facer as cousas lóxica e normal, por iso recuperar as feiras debería ser unha aposta estratéxica das Administracións.

Ademais estabelecen unha relación de confianza entre produtor e consumidor. A xente quedará a vivir no rural se hai traballo e se é un medio vivo, senón o noso converterase nun rural que só vale para recibir turistas, e iso non é o rural que nós queremos.