Alcalde de Viana do Bolo

Secundino Fernández: "Non é só riqueza económica o que se perdeu, tamén ecolóxica"

Secundino Fernández Fernández, alcalde de Viana do Bolo
Secundino Fernández é alcalde de Viana do Bolo polo BNG, un dos municipios do distrito forestal XIV, o distrito máis afectado polos incendios nos pasados anos. Alén do seu cargo institucional, este enxeñeiro forestal e técnico agrícola traballa na Oficina Agraria Comarcal desde 2004.

—Como mudaron os incendios desde que chegou a Viana?
Naquel momento había moitos máis incendios, pero de menor tamaño. Había máis aproveitamento agrícola ou gandeiro do monte. Ao longo destes anos hai a mesma superficie queimada, ou máis, porque temos máis incendios de grande superficie. Hai tres anos, naqueles días da vaga de outubro, un acadou preto de dúas mil hectáreas. Ardeu unha área de alto valor económico e ecolóxico. O que percibo nos últimos anos é que os incendios son provocados para queimar o máximo número de hectáreas, sen cuestión ou explicación lóxica desde o punto de vista interno de Viana. Están a queimar madeira, prendendo en zonas con riqueza forestal, cos custos que supón para os veciños e veciñas. 

—Cal era a orixe na altura na que se rexistraban máis lumes?
Nalgúns momentos houbo incendios que podían ter unha causa interna. Por pastos, por exemplo, por temas de caza ou algunhas cuestións internas, dentro da comunidade de montes ou no propio municipio. Cando gobernou o Bipartito, unha das políticas que servira para que os incendios diminuíse foi a roza de terreos para uso gandeiro, tamén nos montes en man común. Hoxe non me dá a sensación de que haxa moitos dese tipo. Entendo que os dos últimos anos, como os que hai cada ano na estrada OU-533, son por outros elementos que non teñen que ver con Viana. 

—Forman parte dun distrito que concentra o maior número de hectáreas afectadas por incendios na Galiza. 
Desde que coñezo Viana houbo unha sensibilización moi importante co tema dos lumes. Anteriormente existiu esa concepción do uso tradicional do lume para a rexeneración de pastos, que podía derivar neses focos máis pequenos. Que acontece? Iso foi variando, agora a xente amósase contrariada, triste, ao ver que arde a súa paisaxe, a súa aldea. Na parroquia de Vilardemilo, que prendeu recentemente, non se lembran incendios. Ves que arde esa área tan bonita, que a ladeira está tinguida de negro. Non é só riqueza económica que se perdeu, mais tamén valor ecolóxico. 

—Afecta a perda de poboación e o abandono das explotacións?
Desde logo, eu sempre digo que temos que ter un maior aproveitamento agrario dos montes, cunha política desde a Xunta que favoreza estes usos. É máis produtivo ter un rabaño de cabras, ovellas ou vacas no monte que pagar o combustíbel dos helicópteros. Porén, cando Núñez Feixoo chegou ao Goberno galego eliminou as axudas para transformar áreas de monte en pradeiras, por exemplo. 

—Como se traballa desde o Concello a nivel de prevención?
Nós concienciamos á poboación e cada ano contamos coa brigada contra incendios municipal, a disposición do distrito. Porén, eu penso que o persoal debera ser xestionado directamente desde a propia Xunta, penso que a coordinación sería máis doada e operativa.