A proposta de complexo eólico afecta a máis de 30 caladoiros de pesca

O sector pesqueiro rexeita un parque eólico mariño proxectado fronte á costa Ártabra

Representantes del sector pesquera tras reunirse en Ferrol. (Foto: Europa Press)

O complexo pesqueiro galego fecha filas contra o parque eólico mariño proxectado fronte á costa Ártabra pola compañía Parque Eólico Marino Nordés S.L, unha sociedade formada polas mercantís Bluefloat Energy e Sener. Confrarías de pescadores, asociacións de armadores e organizacións de produtores de toda a costa galega reuníronse onte en Ferrol para expresar o seu rexeitamento á iniciativa e defender a continuidade da actividade pesqueira na zona.

A instalación eólica mariña prevista pola compañía madrileña Bluefloat Energy e a vasca Sener é a máis grande do Estado. Segundo a información facilitada polas propias promotoras, contaría cunha potencia instalada de 1.200 megawatts, estaría formada por 80 aeroxeradores de 118 metros de altura e ocuparía unha extensión de 268 quilómetros cadrados.

Os muíños, situados a 30 quilómetros de Ferrol e 60 da Coruña, presentan un tamaño superior ao da Torre de Hércules e a súa localización responde ao "obxectivo de maximizar a súa produción e tendo unhas distancias que minimizan a afección dunhas a outras".

Nordés

Parque Eólico Marino Nordés S.L xustifica o seu emprazamento dado que a "calidade do recurso eólico nesta rexión pode considerarse moi boa, sendo unha das zonas con maior potencia eólica do país" e por rexistrar "un valor óptimo para a produción eólica". No mesmo sentido, sinala que "a localización proposta sitúase fóra das principais áreas naturais protexidas, e permite un tendido viábel tanto dos cables submarinos como da conexión terrestre cunha afección mínima a espazos naturais e hábitats protexidos". A este respecto, estabelece o parque empresarial de Sabón (Arteixo) como punto de conexión co sistema eléctrico.

Os promotores do complexo inciden na súa petición diante do Ministerio de Transición Ecolóxica (Miteco) de que a "localización non ten afeccións significativas á navegación aérea (non afectando a ningunha servidume aeronáutica) ou marítima (non bloquea os principais rutas de navegación detectadas), e consegue tamén minimizar a afección aos principais caladoiros explotados actualmente pola frota pesqueira asociada aos portos A Coruña e Ferrol".

30 caladoiros de pesca afectadas

A opinión non é partillada polo sector pesqueiro. Neste sentido, máis de 30 asociacións pesqueiras do caladoiro Cantábrico-Noroeste, que representan máis de 4.000 unidades pesqueiras e máis de 12.000 mariñeiros, veñen de emitir un comunicado onde se opoñen "frontalmente" á "proposta de implantación do parque eólico mariño denominado Nordés fronte ao golfo Ártabro, pois impacta directa e indirectamente en máis de 30 caladoiros de pesca e en especies comerciais tan importantes como a pescada, o bonito, o lagostino, o xurelo, a sardiña ou a xarda que se capturan no devanditos caladoiro".

As entidades solicitan ao Miteco que, ante a reiterada presentación de proxectos por promotores privados en zonas especialmente sensíbeis para os ecosistemas mariños e de grande impacto na actividade pesqueira, máis aló da moratoria de tramitación de proxectos vixente, faga unha declaración pública de que non se admitirá ningún".

Dúas empresas con sede fiscal fóra da Galiza

A Galiza é un territorio desexado polas compañías promotoras dos parques eólicos mariños polas súas condicións para a xeración enerxética. Ao proxecto presentado por Parque Eólico Marino Nordés S.L para a costa Ártabra precédelle unha iniciativa análoga de Iberdrola para á area de Ortegal e A Mariña. A empresa de Ignacio Sánchez Galán propuxo dous complexos baixo a denominación de San Brandán e San Cibrao cunha potencia instalada de 490 megawatts cada un e unha localización fronte a algúns dos mellores bancos de pesca do Cantábrico galego.

Ambas as propostas están formuladas por sociedades con sede fiscal en Madrid e comprometen a viabilidade da actividade pesqueira, segundo denuncian desde o propio sector, que rexeita este tipo de proxectos