O sector funerario rexeita a posibilidade dun colapso coma o de Madrid na Galiza

Cemiterio de San Amaro, no concello da Coruña (Imaxe: Turismo de Galiza).
O voceiro da Asociación Provincial de Servizos Funerarios de Lugo, Jorge Balado, asegura a Nós Diario que a maior parte da xente está acatando os protocolos nestes tempos tan cruos. Ademais, comparte a experiencia da comunidade dunha parroquia "que arroupou a dor dunha familia" nun enterro desde o seu confinamento.

“A situación de perder a un ser querido é moi triste, por iso comprobar como a xente respecta os protocolos en momentos tan complicados como o actual chama moito a atención”, explica Jorge Balado, presidente da Asociación Provincial de Servizos Funerarios de Lugo, en conversa con Nós Diario.

A pasada segunda feira, o Boletín Oficial do Estado (BOE) endureceu as medidas que acompañan o enterramento das persoas finadas durante o estado de alerta. "Prohibíronse os velorios, polo que agora as salas de vela permanecen pechadas de cara ao público", debulla Balado. Ao enterro ou acto de cremación só poden asistir tres familiares ou achegadas da persoa finada. 

Agora as salas de vela permanecen pechadas ao público, explica Balado

"A maiores, non se poden manipular os corpos, que deben ser transportados nunha bolsa previamente desinfectada e nunha caixa pechada", engade Balado. E cando se realiza o seu traslado deben adoptarse diferentes medidas de prevención no caso de persoas que estivesen contaxiadas con coronavirus, entre elas o emprego de Equipos de Protección Individual (EPI).

O voceiro da asociación de empresas funerarias asegura que, xa desde o inicio do estado de alarma, a meirande parte da xente respecta os protocolos, consciente da excepcionalidade das medidas así como da súa importancia na prevención de contaxios da COVID-19."Os comportamentos están sendo exemplares e o certo é que impresiona ver como desapareceron os bicos ou as apertas, tan presentes nos nosos costumes e tan arraigados nos nosos ritos", reflexiona Balado. 

A parroquia que arroupou un enterro

Esta segunda feira, Balado asegura que viviu o enterro máis emotivo desde que foi aprobado o estado de alarma como empresario do sector funerario. "Tiñamos que trasladar unha persoa falecida desde o tanatorio para o seu enterro na parroquia de orixe", explica por teléfono. Na condución participaron as tres familiares ou persoas achegadas que permite a normativa estatal na actualidade.

Os veciños da parroquia foron saíndo das súas casas, relata Balado

"De camiño ao cemiterio, os veciños da parroquia, un a un, foron saíndo das súas casas e colocándose o máis preto que eran capaces do camiño principal", relata. Así, a veciñanza seguiu o paso do coche fúnebre. "Todos mirando en silencio, foi moi emocionante e un exemplo de como unha comunidade pode arroupar a dor dunha familia nun momento tan difícil coma este", remata de contar Jorge Balado. 

Preguntado polo destino das galegas falecidas fóra do país de orixe, Balado explica que o traslado dos seus corpos dependerá do que estabelezan a Consellaría de Sanidade e mais as Autoridades do territorio no que se atope a persoa finada."O normal sería que non existisen problemas ao desprazamento, sempre e cando non transcorresen 48 horas para o enterramento ou 72 horas para a cremación", conclúe.

O ollar en Madrid

Coma noutros territorios do Estado, este empresario ten constancia do traslado puntual de persoas falecidas na Comunidade de Madrid a Galiza para a súa incineración. A capital do Estado rexistrou, en cifras de onte, un total de 3.603 persoas finadas. Só na segunda feira contáronse 211 decesos.

Neste contexto, a comunidade habilitou distintos espazos como depósitos de cadáveres temporais ao tempo que persoal militar colabora nos traslados. Cuestionado por un contexto similar na Galiza o pasado 24 de marzo, o voceiro da Federación Galega de Servizos Funerarios, Javier Becerra, respondía a Europa Press que a existencia de "moitas" compañías fúnebres no país dificulta a posibilidade dun colapso coma o madrileño.

Oito días despois, e tras incrementarse o número de falecementos na Galiza, Balado segue a rexeitar un contexto semellante ao de Madrid. "Este é un territorio que, pola súa xeografía e pola súa demografía dispersa, posúe cemiterios en moitas localizacións. O habitual é que as familias posúan sepulturas", apunta, á vez que evita "anticiparse demasiado ao futuro".