O coronavirus causa novas limitacións nos velorios e apraza os actos de despedida

As comitivas fúnebres deberán respectar as distancias de dous metros entre persoas participantes. (Europa Press)
O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou a nova orde do Goberno galego relativa ao tratamento de cadáveres de persoas que faleceron a causa do coronavirus, que introduce novos límites para os seus velorios e comitivas de despedida, a fin de evitar ao máximo as posibilidades de contaxio.
 

As novas medidas, que limitan aínda máis a actividade de vela de persoas finadas sexa cal for a causa do falecemento, chegan unhas horas despois de que a Garda Civil se vise obrigada a desaloxar un tanatorio en Camariñas pola presenza dunha muller isolada por dar positivo na proba de coronavirus, e que acudira a despedir a súa nai.  

Malia seguir permitíndose os velorios –en estabelecementos públicos, privados e no domicilio–, queda prohibido que asistan persoas que presenten síntomas respiratorios de calquera clase e esíxese lavar as mans con auga e xabón, ou con solución desinfectante antes de acceder ás instalacións funerarias, así como despois de usar o libro de pésame e os baños.

A orde limita a confluencia a oito persoas por sala de vela, respectando "inescusabelmente" unha distancia mínima de dous metros entre cada asistente. As medidas proscriben tamén a manifestación de condolencias a través de apertas, bicos ou collendo as mans.

Para as titulares dos tanatorios, a orde pauta que deberán poñer ao dispor das persoas usuarias solución alcohólica desinfectante ou hidroxel, así como auga, xabón e toallas dun só uso nos aseos públicos das instalacións. Ademais, segundo queda fixado, as normas deberán ser exhibidas "nun lugar ben visíbel" en todas as dependencias do estabelecemento funerario para coñecemento público, e será responsabilidade da titular "garantir o seu cumprimento en todo momento".

En canto ás cerimonias de culto relixioso ou cerimonias civís fúnebres, estas serán aprazadas, mentres que as comitivas fúnebres para inhumacións ou despedidas de incineración quedarán reducidas, en atención ás novas normas da Xunta, a 20 persoas. Tamén no caso das comitivas, as persoas asistentes gardarán a distancia de dous metros e evitaran saúdos ou manifestacións afectuosas que impliquen contacto entre participantes, todo iso "sen menoscabo das recomendacións e restricións estabelecidas con carácter xeral".