O sector forestal ourensán cifra as perdas xeradas polo fogo en máis de 144 millóns de euros

Colmeas ardidas no concello de Vilamartín (Valdeorras). (Foto: Eloy Rodríguez)

O Consello da Xunta reúnese esta sexta feira en Ourense co obxectivo de aprobar axudas para as persoas afectadas polo vaga de incendios. As mesmas adóptanse cando as Administracións e os particulares non teñen determinado aínda o alcance real dos danos, que as primeiras estimacións prevén moi elevadas.

Ninguén se atreve a avanzar unha contía sobre os danos económicos provocados polos incendios forestais nas últimas semanas. As fontes do Goberno galego e do estatal consultadas por Nós Diario consideran que "é demasiado cedo para ter conclusións", mais consideran que alcanzarán "como mínimo varios centos de millóns de euros". Neste punto, destacan que "hai moitas persoas afectadas e con varios impactos diferentes, comezando polos donos dos montes, seguindo polas diversas explotación agrarias e chegando aos propietarios e propietarias das vivendas queimadas, a metade das cales estaban habitadas".

A Xunta da Galiza aínda carece de datos definitivos sobre o número de casas afectadas polas lapas, pero estima que deben superar as 200 en perto dunha ducia de concellos. Neste sentido, a maioría delas concéntranse na comarca de Valdeorras, ardendo só na parroquia de Leira, no concello Vilamartín, ao redor de 100 vivendas. Na mesma dirección, ducias de casas foron arrasadas nas comarcas de Verín e Viana, destacando o elevado número de vivendas afectadas no lugar da Caridade, no concello de Monterrei, e tamén nas Chás, no municipio de Oímbra (ambos na comarca de Verín).

Vivenda e coches ardidos

As persoas que perderon algunhas das súas vivendas poderían acceder a axudas do Estado ou da Xunta. No primeiro caso, concretamente nos 44 municipios galegos declarados como zona afectada gravemente por emerxencias de protección civil, actual denominación da antiga zona catastrófica, a normativa fixa axudas máximas de até 15.120 euros en caso de destrución total de vivenda habitual. Segundo sinalan a Nós Diario fontes do Goberno galego, as axudas da Xunta estarían en liña coas outorgadas con motivo dos fogos de 2022, cando a achega por vivenda habitual destruída alcanzou un máximo 122.000 euros e por segunda vivenda de 61.200 euros.

As casas que conten cun seguro de danos propios por incendio poderán recorrer ao Consorcio de Compensación de Seguros. A este respecto, o avogado Xoán Antón Pérez-Lema recomenda ás persoas afectadas cuxa vivenda estea situada nos 44 municipios considerados como zona afectada gravemente por emerxencias de protección civil que "busquen a súa póliza, que fagan unha primeira valoración de danos e que presenten unha reclamación diante Consorcio de Compensación de Seguros". Neste sentido, suxire o mesmo para as persoas que perderon o seu vehículo, insistindo en que só teñen esa posibilidade "aqueles vehículos que conten cun seguro de danos propios por incendio".

Perdas no sector forestal

O presidente da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), Xacobo Feijóo, explica a Nós Diario que "dada a gran disparidade de datos sobre superficie queimada, entre a Xunta que fala de 98.000 hectáreas e Copernicus [o programa da Unión Europea de observación e monitorización da Terra] que fala de 167.000 hectáreas é moi complicado facer unha estimación sobre o impacto económico dos lumes no sector forestal". Neste sentido, sinala que "segundo Copernicus en Ourense arderon 32.000 hectáreas de superficie arborada, da que 12.500 hectáreas serían de coníferas, polo que teriamos 1.750.000 toneladas de madeira queimada de piñeiro, cun valor de mercado aproximado de 65 millóns de euros".

"En termos económicos, as perdas que pode provocar esta vaga de incendios sitúanse nunha media de perto de 4.500 euros por hectárea de masa arborada"; asegura Feijóo, e indica que, "tomando como referencia unha superficie arborada queimada ao arredor de 32.000 hectáreas, os danos no patrimonio forestal poderían superar os 144 millóns de euros só nesta superficie". Destaca que "nesta estimación non se incorporan outros custos ambientais como a perda de solo fértil por erosión ou as emisións de CO₂, nin os impactos sobre actividades económicas do territorio".

Un euro por cepa ardida

Na vaga de lumes arderon viñedos nos concellos da Denominación de Orixe (DO) Viños de Monterrei, da DO Valdeorras e nunha explotación da DO Ribeira Sacra. Mentres o Consello Regulador da DO Valdeorras dá por perdida de 15% a 20% da colleita, o de Monterrei non fixo aínda unha valoración. Nestas áreas, as produtoras agardan polas orde de axudas do Goberno galego e estatal, pois Agroseguro só cobre un euro por cepa ardida, cando nestas DO non se atopan enxertos por menos de 1,5 euros.

Danos no agro

A gandaría ten un escenario complicado por diante. Parte importante das explotacións das comarcas afectadas, a práctica totalidade dedicadas á produción de carne en extensivo, quedaron sen pastos. Só en Chandrexa de Queixa (Terra de Trives) 37 granxas quedaron sen alimento para os seus animais, repetíndose a mesma situación noutros concellos do Macizo Central. A Xunta e entidades agrarias están enviando alimentación gratuíta ás granxas desas zonas. A Xunta, após os lumes de 2022, limitou as axudas para alimentación animal a 3.000 euros por explotación e ano, unha contía insuficiente dado o alcance dos danos. 

Unha marcha esixirá o día 14  mudanzas na política forestal

Compostela acollerá o 14 de setembro unha mobilización nacional para demandar "a aplicación de medidas que eviten outra vaga de lumes e para reclamar un plan de choque con axudas urxentes para as persoas e as zonas afectadas polos incendios". A mobilización, anunciada esta quinta feira e que sairá ás 12 horas da Alameda até a Praza da Quintana, está convocada pola plataforma Por un monte galego con futuro, integrada por máis de 50 entidades do ámbito ecoloxista, forestal, social e sindical.

Por un monte galego con futuro, que xa promoveu o pasado 21 de agosto 28 concentracións noutras tantas localidades galegas, considera que "o abandono do rural, as nefastas políticas agrarias e a aposta polo monocultivo de especies de crecemento rápido están entre as causas que máis inflúen nas vagas incendiarias". Na mesma dirección, critica que "a Xunta siga empregando o monte galego como obxecto de especulación ou como solo barato para as grandes corporacións multinacionais enerxéticas, pasteiras e mineiras que expulsan as persoas do rural". A plataforma xurdiu no ano 2018 para promover varias iniciativas lexislativas populares de protección do bosque autóctono e de racionalización da xestión do monte e para amosar a súa oposición ao último Plan forestal aprobado pola Xunta da Galiza