Unha mobilización nacional exixirá o vindeiro 14 de setembro medidas que eviten outra vaga de incendios
Máis de medio cento de asociacións, colectivos e organizacións convocan unha manifestación o 14 de setembro na capital galega.
Após as máis de 30 concentracións decorridas en diferentes localidades da Galiza e nas que participaron máis de 45.000 persoas o pasado 21 de agosto contra a política forestal da Xunta da Galiza, a plataforma 'Por un monte galego con futuro' vén de anunciar a convocatoria dunha nova protesta.
Nesta ocasión para exixir "a aplicación de medidas que eviten outra vaga de lumes" e para reclamar "un Plan de choque con axudas urxentes para as persoas e as zonas afectadas polos incendios".
Esta nova iniciativa da plataforma —integrada por máis de medio cento de asociacións, colectivos e organizacións e que naceu en 2018 para promover varias ILP de protección do bosque autóctono e de racionalización da xestión do monte e para amosar a súa oposición ao último Plan Forestal aprobado pola Xunta— consiste nunha manifestación nacional que terá lugar en Santiago de Compostela o domingo 14 de setembro, con saída desde a Alameda ás 12 horas.
Máis de 95.000 hectáreas queimadas
A loita contra os incendios na Galiza continúa, logo de arrasar máis de 95.000 hectáreas durante unha vaga de lumes na que concellos e veciñanza reiteraron críticas ao Executivo galego pola "falta de prevención", así como pola "descoordinación" dos equipos de extinción.
Nas últimas horas, favorecidas polo cambio na meteoroloxía, a Consellaría do Medio Rural deu por controlados tres incendios, entre eles o maior lume rexistrado na historia do país, o de Larouco, cunhas 30.000 hectáreas afectadas.
Así, segundo o último parte feito público por Medio Rural, actualmente seguen activos dous incendios: o que afecta o municipio de Avión (O Ribeiro), iniciado na tarde do pasado domingo e cunhas 250 hectáreas afectadas polo momento; e o da Pobra do Brollón, que se activou ao mediodía da segunda feira e que obrigou a activar a Situación 2 de emerxencia, xa desactivada. Este incendio forestal leva queimadas unhas 900 hectáreas.
Mentres, o resto de incendios atópanse estabilizados ou controlados. A principal novidade sitúase en Larouco, onde se avanzou no control do maior incendio, o que queimou unhas 30.000 hectáreas. Igualmente, nas últimas horas déronse por controlados os lumes de Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita, mentres que o foco de Vilariño de Conso segue estabilizado), con 19.000 hectáreas afectadas, e Carballeda de Avia-Beade, con 4.000 hectáreas.
Tamén seguen controlados os incendios da Mezquita (10.000 hectáreas), Oímbra-Xinzo de Limia (17.000 hectáreas), Vilardevós-Vilar de Cervos (900 hectáreas), Montederramo (120 hectáreas), e Maceda (3.500 hectáreas); mentres que continúa estabilizado o incendio de Carballeda de Valdeorras-Casaio (5.000 hectáreas).
Extinguiuse, ademais, o incendio da Fonsagrada, na parroquia de Río, tras queimar 53,47 hectáreas.