O sector do mar da Arousa rexeita a celulosa de Altri en Palas: "Non se xustifica a necesidade"

Os titulares das bateas, como esta da Illa de Arousa, ven con preocupación o proxecto de Altri. (Foto: Europa Press).

A preocupación apodérase do sector do mar de Arousa diante do proxecto de Altri de erguer unha planta de celulosas en Palas de Rei, na comarca da Ulloa, que botaría as verteduras ao Ulla, río que desemboca na ría de Arousa. Neste sentido, diversos colectivos representativos do sector do mar xa tomaron posición en contra da proposta.

Unha ducia de entidades do complexo pesqueiro da ría de Arousa rexistraron alegacións contra a solicitude de Altri de captar augas do río Ulla para fornecer a súa futura factoría de Palas de Rei. Os colectivos advirten do risco para os ecosistemas mariños e para a actividade económica na ría de estabelecer como punto de captación de augas o encoro de Portodemouros, emprazado nos concellos de Agolada (Deza), Arzúa (comarca homónima), Santiso (comarca de Melide) e Vila de Cruces (Deza).

As alegacións están presentadas por algunhas das entidades máis representativas do sector pesqueiro de Arousa. Así, entre elas, atópanse confrarías de pescadores como as de Cabo de Cruz en Boiro, A Illa de Arousa ou Rianxo; organizacións de bateeiras, entre elas Asmecruz, de Cabo de Cruz en Boiro, con 116 socias e socios, Organización de Produtores do Mexillón da Galiza (Opmega), con 312 socias e socios, ou a Asociación de Mexilloeiros da Illa de Arousa, con 55 socias e socios; ou colectivos como a Organización de Produtores Pesqueiros da Illa de Arousa OPP-20 ou a Plataforma para a Defensa da Ría de Arousa.

As reclamacións destes colectivos, ás que tivo acceso Nós Diario, sinalan que “do total de auga captada, polo menos o 80% volverá ao dominio público hidráulico potencialmente contaminado”. Ao tempo, alertan de que “non se identifican os químicos que se utilizarán nin tampouco o tratamento nin o sistema de depuración a utilizar –outro aspecto máis do fragmentado proxecto–, o que suporía un novo dano ao xa deteriorado río Ulla, onde existen captacións municipais para consumo humano e na desembocadura existe unha ría de Arousa que pode ver comprometida a súa produción marisqueira e a súa biodiversidade”.

Consumo de auga

As entidades alegantes consideran que “non se xustifica, por tanto, a necesidade de implantar na Galiza unha empresa cun proxecto como o que aquí nos ocupa”. A este respecto, aseguran que “o pasivo ambiental que xerará resulta non asumíbel desde o punto de vista ambiental e produtivo para o sector primario (agrogandeiro e marisqueiro), tendo en conta ademais o elevado consumo de auga que vai producir, precisamente nunha época de cambio climático acelerado como é o actual e de secas cada vez máis frecuentes”.

O voceiro da Plataforma para a Defensa da Ría de Arousa, Xaquín Rubido, explica a Nós Diario que “como consecuencia de que hai menos afloración e renovación de augas, unha carga tan potente de verteduras diminuirá a calidade das augas do río Ulla, que desemboca na ría de Arousa, e reducirá o seu caudal”. Nesta liña, advirte da "situación de debilidade da ría de Arousa, onde un proxecto como este pon en cuestión todo o que se poida facer para a súa rexeneración" e chama a ter en conta "como funcionan no seu conxunto as bacías hidrográficas".