A Xunta tramita pola vía urxente

Sauditas e madrileños, na pugna por construír 34 novos parques eólicos

[Imaxe: cedida] O grupo Alfanar nunha feira

Grandes investidores árabes, madrileños, norteamericanos e cataláns compiten con dúas PEME galegas –Greenalia e Adelanta– por construír 34 novos parques eólicos no país. Recortando prazos á metade grazas a un novo polémico marco legal, 285 muíños e 855 megawatios eólicos poden entrar en funcionamento antes da fin de 2019, segundo dados oficiais da Xunta aos que tivo acceso en primicia o semanario Sermos Galiza. ​Eis un extracto do publicado no papel.

O nome que máis reloce entre os aspirantes a explotar o vento galego é o de Green Capital Power. Trátase dunha filial de Capital Energy, empresa madrileña que dirixe Jesús Martín Buezas a través da sociedade de investimento Sanjo Inversiones. Martín Buezas é coñecido por ser un dos empresarios máis importantes das renovábeis no Estado. Tamén por ser xenro de Florentino Pérez, presidente do Real Madrid e da construtora ACS.

 

Curiosamente, Buezas quedou fóra do concurso do PP en 2010 e logo presentou o recurso que finalmente derrubou ese concurso eólico. Unha sentenza do TSXG trabou o plan que Alberto Nuñez Feijóo vendera como a solución á suposta desfeita do bipartito. A Xunta recorreu ao Supremo, pero a realidade é que ningún dos adxudicatarios daquela está a arriscarse a montar aeroxeradores. Visto o bloqueo que levou a Galiza a perder o liderado eólico, o sector pediulle á Xunta unha solución con seguridade xurídica para canto antes. Feijóo lanzou este proceso de autorizacións de novos parques, ao amparo da criticada Lei de Fomento da Implantación de Iniciativas Empresariais, que os conservadores acaban de aprobar en solitario no Parlamento. Os potenciais beneficiarios deste novo proceso administrativo son os que desvela Sermos Galiza aquí en primicia.

 

Capital Energy realizará os proxectos da árabe Alfanar Group, quen levou o maior anaco da torta da última poxa da enerxía renovábel estatal, 720 megavatios dos 5.037 repartidos en xullo. Para tal investimento, Buezas vai tirar do capital do saudita Alfanar Group. Con máis de 22 mil empregados en 15 Estados, Alfanar é unha das principais corporacións do Oriente Medio en obra civil, petroquímica, enxeñaría e produción de compoñentes eléctricos.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 276, á venda na loxa e nos quiosques habituais]