Médicos alertan dun novo "colapso" nas Urxencias mentres o conselleiro afirma que os galegos están "perfectamente atendidos"

Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)
Profesionais do servizo de Urxencias advirten dunha situación crítica sobre todo nas áreas sanitarias da Coruña, Pontevedra e Vigo.

A Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (SEMES) vén de alertar de que os servizos de Urxencias están de novo "saturados", cun incremento da carga asistencial que está por riba de 40% nalgunhas comunidades autónomas. No caso concreto da Galiza, sinalan que se excedeu este límite nas áreas sanitarias de Vigo, Pontevedra e A Coruña.

A través dun comunicado, a SEMES advertiu da "complicada e insostíbel" situación que continúan padecendo estes servizos e que "non fixo máis que aumentar durante os primeiros días do ano, sen que o Goberno estatal e as comunidades autónomas apliquen solucións de futuro para o sistema sanitario".

"Os servizos de Urxencias e Emerxencias cada vez atenden máis pacientes como consecuencia da situación na atención primaria, e a isto engádese a fartura destes profesionais ante a falta de recoñecemento da súa especialidade médica, que xa é unha excepción global", lamentaron. Actualmente, segundo SEMES, estes servizos atenden até 30% máis de pacientes de media comparando con cifras de 2019.

Xa o pasado novembro esta entidade alertara de que estes datos ían en aumento, e así continúa sucedendo nos primeiros días do ano 2023. "Por outra parte, o deficitario paso de pacientes a hospitalización contribúe excesivamente a esta situación", precisan. Esta anomalía, que representa un "problema serio" do hospital no seu conxunto, "deriva en escenas que non por repetidas deixan de ser intolerábeis".

"Numerosos pacientes que xa foron atendidos nos servizos de Urxencias esperan até tres días nos corredores destes servizos, converténdoos en 'almacéns' que dificultan enormemente a actividade dos seus profesionais, xerando un insoportábel estrés, e castigan a dignidade e intimidade dos pacientes", reiteraron.

O presidente de SEMES Galiza, José Manuel Fandiño, engade a respecto desta situación de colapso que "empeora" coa entrada do novo ano: "Seguimos batendo récords. De maneira global, falamos dun aumento de 15 ou 20% a respecto de 2022. Sen ir máis lonxe, o 9 de xaneiro de 2023, no Hospital Universitario da Coruña (Chuac), fomos testemuñas dun aumento de 45% con respecto a datos mensuais de xaneiro de 2022. E con 70 pacientes sen cama".

Ademais, afirma que o problema principal ao que se enfronta o persoal sanitario é a falta de paso de pacientes a hospitalización nestes servizos e indica que, en cidades como Pontevedra e Vigo, os picos tamén son de "entre 40 e 45% a respecto do 2022".

Comesaña segue a negar o colapso

Ao ser preguntado a respecto desta cuestión esta cuarta feira, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, rexeitou termos como "colapso" ou "saturación" nos servizos de urxencias, especialmente no Hospital de Pontevedra. Asegurou que "non foi tal" e que "os datos do domingo foron iguais aos da sexta feira". "Temos os servizos ben dimensionados", afirmou.

"Cando un paciente chega a Urxencias, ten a certeza de que en menos de 10 ou 15 minutos se estabelece se a patoloxía é urxente ou leve. Ten a tranquilidade de que será tratado de inmediato. A poboación galega está perfectamente atendida nos servizos de urxencias", insistiu.

A situación da sanidade, alegou a continuación, en todo o Estado español, "é coñecida por todos". E insistiu en que o principal problema é a falta de médicos de familia e en que se sabe que a solución para isto pasa por reter os que están para que non marchen e por facilitar a entrada de facultativos, onde si "botan de menos" que non se tomen medidas por parte do Goberno estatal.