Satse alerta de que a sanidade privada está a "infiltrarse e mimetizarse" na sanidade pública

Dúas enfermeiras en plena xornada de traballo. (Foto: Satse).
Satse denuncia a "clara intención" da sanidade privada de "formar parte substancial" na formación dos profesionais sanitarios.

O Sindicato de Enfermería (Satse) criticou que a sanidade privada "está a desenvolver un plan para infiltrarse e mimetizarse sen reparos" na sanidade pública.

Respecto diso, Satse destaca diversas iniciativas e propostas feitas desde a sanidade privada e trasladadas á Administración pública para que "sen présa, pero sen pausa", poidan facerse parte da contorna do público.

Neste sentido, Satse denuncia a "clara intención" da sanidade privada de "formar parte substancial" na formación dos profesionais sanitarios, "ocupando o espazo natural da sanidade pública".

"Non esquezamos que na sanidade privada moitos hospitais non contan con procesos que supoñen custos importantes, co que os profesionais non poderían adquirir coñecementos prácticos e científicos, caso, por exemplo, de procesos oncolóxicos, alta cirurxía complexa, diálise, radioterapia ou transplantes", apunta Satse.

Tamén se expuxo a necesidade de que a historia clínica dos pacientes da sanidade pública sexa accesíbel para a sanidade privada, o que para Satse representa "un claro alarde de atrevemento e descaro".

"Son unha empresa privada cun lexítimo interese de obter beneficios e negocio, e para este obxectivo é unha relevante oportunidade o ter acceso á historia clínica das persoas enfermas e a súa evolución no seo da sanidade pública", sinala.

“A privada deu un paso máis”

Por outra parte, denuncian que a sanidade privada "deu un paso máis" e ofreceuse tamén para asumir pacientes procedentes dos centros de saúde, previo pago vía concerto.

Para Satse, este "agresivo comportamento" na procura de negocio contrasta con "a laxitude e equidistancia" das Administracións e da sanidade pública.

"Esta realidade estratéxica da sanidade privada vese favorecida pola incapacidade de reacción da Administración para optimizar as infraestruturas e recursos que ofrece a sanidade pública, elixindo con demasiada frecuencia desviar fondos públicos á sanidade privada en lugar de pór a pleno rendemento e con recursos os hospitais e centros de saúde", reitera.

Por último, Satse alerta da deriva "preconcibida" que sofre a sanidade pública, "á que se está asfixiando economicamente a pesar de estar á cola de Europa en gasto sanitario por habitante e non dispor dos medios e recursos humanos necesarios para garantir de maneira óptima a seguridade do paciente e a calidade asistencial".