As enfermeiras galegas non están acreditadas para vacinar da Covid-19

Satse advirte de que as enfermeiras galegas non están acreditadas para vacinar da Covid-19 (Xunta da Galiza).
O sindicato Satse sinala que Galiza, polo "claro desinterese e manifesta desidia" da Xunta, carece de acreditación para que as enfermeiras e os enfermeiros poidan vacinar con garantías, o que na práctica vaise traducir na necesidade dunha prescripción clínica e máis tempos de espera.

O Sindicato de Enfermería  Satse vén de denunciar que máis de dous anos despois da entrada en vigor do Real Decreto de prescrición enfermeira, oito territorios, entre eles Galiza, seguen aínda sen acreditar ás súas enfermeiras e enfermeiros para que poidan vacinar da Covid-19 sen obstáculos burocráticos ou administrativos que prexudiquen a estratexia prevista polo Goberno español.

A poucas horas de que se inicie o plan de vacinación da Covid-19 previsto polo Ministerio de Sanidade, Satse constatou que as enfermeiras e enfermeiros de Aragón, Asturias, Castela e León, Estremadura, Galiza, A Rioxa, Madrid e Murcia, así como as de Ceuta e Melilla, seguen sen contar aínda co respaldo legal necesario para que, unha vez acreditados, poidan indicar e usar medicamentos con todas as garantías e seguridade xurídica, caso, por exemplo, das vacinas contra o coronavirus.

Pola contra, Andalucía, Baleares, Canarias, Cantabria, Castela-A Mancha, Catalunya, País Valenciá, Euskadi e Nafarroa si reflectiron na súa regulación o estipulado no Real Decreto que regula desde 2018 en España a indicación, uso e autorización de dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano por parte das enfermeiras e enfermeiros.

Falla de vontade política

Segundo o Sindicato de Enfermería, o incumprimento do establecido pola norma estatal por parte destes oito territorios débese a unha clara "falla" de vontade política e de recoñecemento ao desenvolvemento profesional ás enfermeiras, xa que a tramitación administrativa a realizar pola súa banda é tan "sinxela e rápida" que podería facerse realidade nuns días.

Satse subliña que, no caso de Aragón, Asturias, Castela e León Estremadura e A Rioxa cóntase, polo menos, cun borrador da regulación, pero na Galiza, Madrid e Ceuta e Melilla está aínda pendente. No caso de Murcia segue tamén pendente a pesar de existir un compromiso expreso do presidente autonómico para que estivese resolto o pasado mes de outubro.

O Sindicato incide en que o feito de que as enfermeiras e enfermeiros non poidan contar coa regulación necesaria para que poidan vacinar con todas as garantías e seguridade xurídica é especialmente grave nunha situación como a que se vai a producir nos próximos meses cando se administrará a vacina da Covid-19 a millóns de persoas.

Máis esperas para as pacientes

O feito de que as enfermeiras e enfermeiros non estean acreditados aínda para indicar, utilizar e autorizar a dispensación de fármacos, como as vacinas, supón na práctica que calquera persoa debe ter antes unha necesaria prescrición clínica o que conleva máis lentitude, burocracia e ineficacia. "Máis problemas e esperas para os pacientes e, por suposto, para as enfermeiras e enfermeiros que non teñen aínda acreditada unha actuación asistencial que realizan de forma habitual", apunta.

Satse non atopa razón algunha ao claro desinterese e manifesta desidia destes oito territorios que non pasan das "boas palabras" e seguen sen acreditar ás súas enfermeiras e enfermeiros e vólvelles a reclamar que, dunha vez por todas, dean unha rápida solución a un problema que prexudica por igual aos profesionais e ás centos de miles de persoas ás que atenden cada día nos seus respectivos centros sanitarios e sociosanitarios.