Parque eólico Serra do Iribio

Satisfacción e cautela entre os colectivos de Salvemos O Iribio após a decisión do TSXG

Evolución das obras do parque eólico da Serra do Iribio.
A suspensión cautelar do acordo do Consello da Xunta que aprobou o proxecto e as obras do parque eólico, ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), é a primeira nova xudicial que obteñen os membros da plataforma para tratar de deter a destrución da serra do Iribio, no Courel.

O auto emitido polo TSXG, considera que o acordo do Consello da Xunta no que se aprobou o proxecto eólico debe suspenderse mentres non se actualice a declaración de impacto ambiental (DIA) nin se xustifique a prioridade do uso industrial “pretendido pola Xunta” fronte a preservación do medio natural.

“É o primeiro paso dun proceso xudicial longo e complexo”, explica a Belén Rodríguez, membro de Adega e da plataforma Salvemos O Iribio. En declaracións a Sermos Galiza, valora “moi positivamente os fundamentos da suspensión. Aínda que non o recoñece abertamente, o TSXG apunta a posibilidade de que a DIA de 2005 que rexe este proxecto quedase obsoleta dados os cambios sociais, tecnolóxicos e lexislativos dos últimos 14 anos”.

O texto fai fincapé nos mandados que estabelece o plan director da Rede Natura, que prohibe a instalación de novos parques eólicos en zonas de Rede Natura 2000. A Serra do Iribio está nunha zona de especial conservación “así que entendemos que o parque eólico non ten cabida neste espazo”.

Inseguridade ante un proceso difícil e duradeiro

Desde a Asociación Ambiental e Cultural Petón do Lobo, piden cautela e falan da incerteza que se abre a partir do auto do TSXG. “Se a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ten un comportamento ético xa debería ter notificado e instado a empresa a que paralice as obras. Pero nada se sabe. Todo depende do que decida a Xunta máis do que resolva facer a empresa, que necesita ter o parque acabado e funcionando antes da fin do ano”, declara Ana Varela, membro de Salvemos O Iribio, a este medio.

O único seguro, é que se abre un procedemento difícil e duradeiro con dúas vías activas, unha administrativa e outra xudicial, que pode tardar anos en aclararse. A curto prazo, a quen lle corresponde a iniciativa é á empresa, Fergo Galicia Vento, S.L., responsábel da redacción dunha nova declaración de impacto ambiental, que ha de ser aprobada, sometida a exposición pública e a un novo período de alegacións.

De momento, os traballos da empresa continúan na zona onte teñen previsto instalar a subestación máis noutras partes do parque. Por este motivo, a Asociación Cultural O Iribio requiriulles aos concellos de Samos e Triacastela, á Dirección Xeral de Enerxía e Minas e á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) entre outras entidades, a execución inmediata das medidas cautelares que expresa resolución do TSXG. “Se en 24 horas”, declara Marcos Celeiro a Sermos Galiza, “non recibimos ningunha notificación da orde de paralización da obras procederemos a denunciar por vía penal aos responsábeis dos organismos correspondentes”.

Porén, valoran o auto de xeito moi positivo. “Malia non entrar no fondo do asunto, o escrito deixa entrever que a declaración de impacto ambiental é un desastre. Confiamos en que isto nos leve á paralización definitiva do proxecto” afirma Celeiro, que pon o foco na necesidade de medidas urxentes para minimizar e reverter a desfeita medioambiental.

Reparación urxente da destrución natural e patrimonial

Á espera de ver feitos máis esclarecedores, Salvemos O Iribio denuncia os estragos de cinco meses de obras case ininterrompidas. As entidades da plataforma coinciden en sinalar que se iniciaron de xeito irregular no mes de maio, antes do acordo do Consello da Xunta -agora suspendido de forma preventiva- que sostén o permiso de urbanización industrial e as licenzas de obras municipais requiridas.

Colectivos sociais, veciñais e ambientalistas apuntan a necesidade de valorar o impacto real do mal ocasionado na Serra do Iribio, un labor que lle correspondería á Xunta de Galiza, xa que eles non teñen acceso á zona. Con todo, acusan a empresa de danos importantes en bens arqueolóxicos e patrimoniais de intereses histórico e cultural, nunha mámoa e no Camiño Real; ademais de prexuízos mediomabientais directos nos hábitats e nas especies da contorna.