A Mariña é unha das áreas costeiras que acumula máis pisos á venda

O banco malo, a Sareb, supera os 47 millóns de euros en bens na Galiza

A vila de Ares é unha das que máis pisos ten na Sareb (Foto: Santiago Amado)
A Sociedade de xestión de activos procedentes da reestruturación bancaria segue a manexar centos de propiedades no país froito da crise do ladrillo que comezou en 2008. A maioría dos apartamentos que quedaron sen comprador foron aqueles pensados como segundas vivendas en zonas do litoral.

A irrupción da crise actual cando a economía da Galiza e da súa poboación aínda se estaban a recuperar daquela recesión que comezou en 2008 fai moi difícil, senón imposíbel, que a Sociedade de xestión de activos procedentes da reestruturación bancaria (Sareb) poida dar saída aos centos de propiedades inmobiliarias que ten en carteira.

O valor do patrimonio que controla na actualidade o tamén coñecido como 'banco malo' no país supera os 47 millóns de euros e, incluso, podería chegar ao medio cento de millóns se temos en conta que algúns dos prezos que propón son só de partida e non fai públicos o custo de locais de uso terciario nin de terreos. 

A maior parte dos inmóbeis están nas vilas litorais da Coruña. O 'banco malo' posúe unhas 250 propiedades entre pisos, garaxes e rochos. Malia que se poden atopar bens abandonados por todo o territorio polas ansias de promoción –incluso de xente non especializada no tema– que houbo no seu momento, entre o enorme patrimonio que xuntou a Sareb e que permanece público destacan os apartamentos na costa. En Ares, na comarca de Ferrolterra, ten 45 vivendas; en Corcubión 44 cuxos prezos van desde os 34.000 euros; e en Ribeira a cifra colócase nos 29 bens abandonados en distintos edificios sen ninguén que os queira mercar. En Sada, o que quedou descolgado foron as prazas para os coches. 

Nas Rías Baixas repítese a dinámica. A explosión da crise do ladrillo na cara da poboación galega fixo que as entidades financeiras tiveran que desfacerse de patrimonio invendíbel en Barro, Covelo, Soutomaior, O Rosal e, mesmo, Sanxenxo. A localidade na que fan turismo as persoas chegadas desde fóra da Galiza por excelencia non deu sacado de enriba todo o stock de casas. O valor do patrimonio que ten alí a Sociedade de xestión de activos procedentes da reestruturación bancaria abeira os 3,5 millóns de euros. Só nunha vila. 

Concellos como O Carballiño, A Rúa ou O Barco foron salvando a situación pola súa condición de territorios de interior, mais aínda así por aquela zona hai 878.700 euros dos que se desfixeron os bancos ou as empresas que quebraron. 

O Vicedo e Viveiro

O caso máis curioso é, quizais, o da Mariña. En todo Lugo hai unha bolsa de bens de carácter inmobiliario que ascende ás 158 unidades. Pero dese total a gran  maioría están pegados ao mar Cantábrico. Na páxina web da organización atópanse 26 apartamentos en Viveiro, oito en Burela, 11 en Foz e 24 en O Vicedo

Nesta última localidade, sen sumar rochos nin garaxes, as vivendas que xa teñen un prezo rebaixado sobre o que lle marcaran na súa orixe alcanzan un custo de 1.467.700 millóns. Os fogares sen dono de Viveiro están preto do millón de euros.

Á marxe destas peculiaridades, a Sareb divide outras propiedades mediante o sistema provincial, colocando na Coruña 27 locais comerciais e oficinas e 98 fincas. En Pontevedra habería 40 espazos para montar un negocio e 31 terreos dispoñíbeis nos que non se chegou a edificar. En contraposición co que ocorre na vivenda, en Ourense si quedan 31 soares en carteira.