Chegan a Sanxenxo os 54 migrantes procedentes de Canarias

Os migrantes chegaron esta mañá ao Hotel Baixamar de Sanxenxo. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)
Aloxaranse temporalmente nun hotel da localidade e estarán acompañados e asesorados pola oenegué Accem.

As 54 persoas migrantes procedentes das illas Canarias que serán aloxadas temporalmente en Sanxenxo (O Salnés) xa chegaron a esta localidade das Rías Baixas, onde permanecerán nun hotel. Pouco antes das 7 horas da mañá desta quinta feira este grupo de migrantes arribaba ao Hotel Baixamar da praia de Areas nun autobús, a bordo do que viaxaron toda a noite desde o aeroporto madrileño de Barajas-Adolfo Suárez.

Trátase do grupo de mozos de orixe subsahariana cuxa chegada levaba semanas anunciándose e, malia que inicialmente se falaba de 350 persoas, finalmente foron pouco máis de medio centenar. O seu desembarco derivou nun cruce de reproches entre o Goberno español, a Xunta da Galiza e os concellos implicados.

Á súa chegada foron recibidos por representantes da ONG Accem, ofrecéuselles algo de almorzo e foron distribuídos en diferentes habitacións. Accem encargarase de prestarlles apoio social e psicolóxico, ademais de axudalos coas necesidades do aloxamento.

Este grupo súmase a outros 40 migrantes senegaleses que chegaron ao Porriño (comarca de Vigo) hai dez días e que foron acollidos nun albergue de peregrinos da localidade. E aínda está pendente a chegada doutro grupo de persoas á localidade de Sobrado dos Monxes (Terra de Melide).