Desde Santiago até a Mariña lucense: crónica dunha viaxe en transporte público

[Imaxe: Laura R. Cuba] Estación de autobús

Nuns días nos que os corredores dos centros comerciais están inzados de xente e as rúas cheas de adornos luminosos, miles de persoas collen a equipaxe e optan polo transporte público para visitar a familia nestas datas festivas. Na Galiza, a dispersión poboacional xunto co grave desequilibrio demográfico entre o eixo atlántico (occidental) co oriental, provoca que esta “volta a casa polo Nadal” se converta para moitas persoas nunha auténtica odisea.

O novo Plan de Transporte Público da Xunta -activado este pasado mes de setembro– modifica o mapa de liñas de autocarro que vén conectar as diversas bisbarras galegas. Unha das comarcas afectadas por esta mudanza é A Mariña lucense, cunha longa historia de desconexión e escaseza de prestacións e infraestruturas a pesar de albergar no corazón do seu territorio a factoría de aluminio máis importante do Estado español: Alcoa.

 

Se ben este plan semella que mellorou a comunicación intracomarcal -concesión que pasou a cargo de Autocares Morán- as liñas que unen A Mariña con grandes núcleos galegos -Lugo, A Coruña e Santiago de Compostela xa que, obviando a liña xeral do Alsa, para o resto de cidades é necesario realizar transbordo– seguen a adoecer de graves deficiencias. Estas liñas foran xa concedidas á empresa multinacional Arriva, encargada de mover un grande volume de xente que se despraza desde ou até a comarca.

 

Desde estudantes universitarias e universitarios, pasando por pensionistas ou traballadores, a viaxe que narra esta crónica recolle a experiencia na liña Santiago de Compostela-Burela, que arrinca ás sete da tarde da sexta feira antes de Nadal. Esta liña tamén cobre os diferentes núcleos urbanos que emerxen á beira da estrada nacional (Santiso, Gradamil, O Pino, Teixeiro…).

 

Tres horas e media e 23 euros

 

“Subiu a viaxe?”, pregunta unha muller ao condutor de Arriva. “Depende do recorrido e dos horarios, non sei”, contesta este. A viaxeira diríxese cara Guitiriz e debe pagar 8,70 euros polo servizo. O autocarro agarda na estación de Santiago de Compostela e vai mediado. Arredor de 25 persoas, na súa maioría persoas de idade avanzada ou mocidade, utilizan esta liña para ir aos seus lugares de orixe polo Nadal.

 

O custo total da liña -isto é, desprazarse desde a estación de orixe até a última parada- supón un total de 22,90 euros por unha viaxe que se alonga tres horas e vinte minutos. Cando a muller que viaxa até Guitiriz sabe do dado, alporízase. “Vaia viaxe! A miña filla vai até Madrid e volve por 50 euros”, engade.

 

O vehículo cruza a nacional 634. Atravesa a noite nun camiño lento e tortuoso. A estrada está chea de particulares que escolleron a mesma ruta. Leiras cubertas de néboa, bares a pé de estrada e gasolineiras. Ao chegar a Guitiriz, a pasaxe do autocarro redúcese á metade. A maioría da xente non usa o transporte para facer a liña completa, e menos dunha ducia de persoas sobe en Guitiriz para realizar a outra metade do traxecto.

 

En Vilalba, o autocarro para na estación, pobremente iluminada, onde ten que agardar a que chegue outro vehículo da compañía que fará a conexión con Foz. Ese autocarro continuará logo a liña até Ribadeo. “Se non lle importa prefiro esperar aquí dentro, mete medo estar fóra eu soa aí”, dille ao condutor unha muller que precisa facer o cambio.

 

Arriva, un ERE encuberto?

 

A partir deste punto só fican 5 persoas no vehículo. Perto das Pontes de García Rodríguez, o autobús colle a estrada LU-540. O vehículo baixa pola Gañidoira até Viveiro, a partir de aí para en Xove, Cervo e San Cibrao. Varios menores de idade usan o servizo para ir desde Viveiro até a súa vila de orixe. Para a persoa que pretenda chegar a Burela, toda esta viaxe supón un rodeo considerábel tendo en conta que o equivalente da viaxe en carro dura 2 horas.

 

O condutor vai calado, non dá conversa. Segundo a muller que xa baixou en Curtis, é sempre a mesma persoa a que leva o autocarro polas mañás, o mesmo que sae de Burela ás 6 da mañá, que o que volve polas tardes e chega á estación burelá pasadas as dez da noite. “Vaia xornada ten este home”, comentaba á saída de Santiago de Compostela.

 

O certo é que parte do persoal de Arriva protagoniza desde o mes de agosto unha loita laboral que naceu a raíz do novo Plan de Transporte Público da Xunta de Galicia. Arriva, empresa concesionaria do transporte comarcal até o momento, subrogou no seu momento 14 traballadores á UTE Morán-Rodríguez. Esta cifra foi considerada excesiva por Autocares Morán para cubrir a liña Ribadeo-Viveiro, polo que se negou a admitir os traballadores no seu persoal. A Xunta asegurara aos condutores que o seu contrato estaba “blindado” e, porén, cinco chóferes –con entre 12 e 30 anos de antigüidade na empresa– continúan no desemprego.

 

Pasadas as dez da noite, no interior do vehículo só fican dúas persoas. Hoxe en día, cun servizo tan deficiente, a maioría da xente que viaxa cara ao norte do país quere mellor –por prezo e rapidez– usar métodos de transporte alternativos como Blablacar, un servizo de vehículo compartido. Arredor das 22.20 horas, o autobús entra na estación de Burela. Final de traxecto.