A Xunta suaviza as restricións: recupera as barras, os concertos de pé e a mobilidade nocturna

Varias persoas na terraza dun bar na Coruña (Foto: M. Dylan / Europa Press).
A Xunta dá por superado o pico da sexta vaga da pandemia. Anuncia a fin dos límites de mobilidade, o regreso dos concertos e o restabelecemento dos horarios na hostalaría e no lecer nocturno, ademais dunha seie de medidas de cara ao Entroido

"Galiza atópase nunha fase de estabilización". A pandemia na Galiza evolucionan de forma favorábel, apuntou a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, no transcurso da rolda de prensa posterior á reunión do Comité Clínico. A incidencia acumulada descende, tamén a taxa de positividade e a razón de taxas, por primeira vez en varias semanas, baixa de 1, precisou.

Son datos optimistas que Sanidade espera consolidar nos próximos días e semanas pero que tras a última reunión do grupo de persoas expertas que asesora a Xunta, alentaron o fin das restricións na Galiza.

Segundo avanzou o Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, desaparece o toque de recoller nocturno, bares e restaurantes recuperan os horarios habituais, previos á aceleración da sexta vaga e restabelécense os espectáculos con público de pé con máscara.

Alivio das restricións

García Comesaña confirmou a reapertura das barras para o consumo na hostalaría, a ampliación do horario dos bares, cafeterías e restaurantes á 1 pola semana e 1.30 horas na fin de semana, e ás 4 pola semana e ás 5 horas na fin de semana no caso dos locais de ocio nocturno.

As mesas mantéñense con oito comensais en interior e amplíanse a 15 nas terrazas e exteriores. Ademais, poderán servirse cócteles de pé  coas correspondentes medidas de seguridade.

Queda suprimido o límite de reunións entre persoas que non conviven, vixente entre as 3 e as 6 da madrugada, polo que se recupera a mobilidade nocturna.

Ademais, volven os concertos e os espectáculos con públicos de pé, con máscara e todas as medidas de seguridade.

O Goberno galego avanzou tamén que o certificado Covid para a hostalería e o resto de actividades nas que está vixente -ximnasios, albergues, hospitais- seguirá a ser un requisito e ampliarase, no ámbito da restauración, a todas as horas do día, previa autorización do TSXG.

Todas estas medidas entrarán en vigor a partir deste sábado, 29 de xaneiro.

Entroido

De cara ao Entroido, García Comesaña resumiu os primeiros acordos do Goberno galego tras o visto bo do Comité Clínico.

Serán os Concellos deberán garantir un "uso correcto" de todos os espazos destinados ás celebracións do Entroido: desfiles, bailes e espectáculos musicais. 

Estes espazos concretos deberán contar con accesos autorizados e ben sinalizados, non estará permitido fumar, tampouco cigarros electrónicos, e será requirido o certificado Covid. Este documento será obrigatorio en actos multitudinarios, con máis de 200 espectadores en interior e máis de 500 ao aire libre.