O Ministerio rexeita reducir as corentenas a cinco días, como pedía a Xunta

Realización dun test de antíxenos en Vigo (Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).

O Goberno galego volveu abrir este debate na reunión do Consello Interterritorial desta cuarta feira, mais a ministra Darias dixo que se trata dun tema "absolutamente inmaduro" porque "no momento actual hai unha incidencia elevada".

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzou que a Galiza levará á Comisión Nacional de Saúde Pública, na que están representadas as comunidades autónomas mais o Ministerio de Sanidade, reducir o illamento das persoas contaxiadas polo coronavirus SARS-CoV-2 de sete a cinco días.

Segundo avanzou rolda de prensa posterior á reunión do Comité Clínico que asesora á Xunta na toma de decisións da pandemia, o Goberno galego proporá esta rebaixa oficialmente ao resto de territorios e ao Executivo estatal a próxima semana.

De sete a cinco días

A Galiza, lembrou o conselleiro, xa foi pioneira hai unhas semanas cando o illamento das persoas con Covid era de 10 días e propuxo reducilo "ante a evidencia que tiñamos naquel momento de que 10 días para esta variante ─Ómicrom─ era un tempo longo".

A Xunta levou a súa proposta á Comisión de Saúde Pública. Tras discutila, foi aprobada, e Galiza comezou a aplicala no momento. Con todo, os sistemas de información do Sergas manteñen os 10 días previos, de forma que os casos positivos non desaparecen dos seus listados de persoas coa infección activa ao cabo dos sete de illamento obrigatorio.

É unha "medida de salvagarda", explicou o conselleiro. "Cremos que é bo para que estea uns días máis e o médico de Atención Primaria poida detectalo cando fai a chamada do último día ou por se o paciente chama con síntomas neses últimos días. Da mesma forma que mantivemos os 14 días cando os illamentos eran de 10", precisou.

Propiciar o debate

Na situación, actual, e dado o alto número de pacientes que teñen que facer illamento, Sanidade opta por levar de novo á Comisión de Saúde Pública unha proposta "para o seu estudo con todas as consecuencias". García Comesaña negou que esta iniciativa supoña unha decisión unilateral por parte do Goberno galego e defendeu a necesidade de discutir as condicións máis adecuadas para que esa rebaixa nos días de illamento se poida levar a cabo.

"O único que propoñemos é adaptar a duración dos illamento a unha situación que parece que tende a acurtarse", remachou.

O Estado négase a acurtar as corentenas

Pola súa parte, a minstra de Sanidade, Carolina Darias, aclarou esta cuarta feira que a redución das corentenas de sete a catro ou cinco días é aínda un tema "absolutamente inmaduro", xa que, subliñou, "no momento actual hai unha incidencia elevada".

"Só o reclamou un conselleiro", dixo Darias, en alusión ao responsábel galego de Sanidade, Julio García Comesaña, quen formulou esta proposta na reunión que mantivo o Consello Interterritorial de Saúde. Segundo precisou o propio conselleiro, esta cuarta feira só comentou a medida, mais na xuntanza do consello da vindeira semana presentaráa "oficialmente".