Feixoo di que "non hai recursos" para reforzar a Primaria e demanda un MIR extraordinario

Imaxe de arquivo dun médico facendo labores burocráticos (Foto: Europa Press).
Sanidade agarda implantar esta semana o novo sistema automático de altas e baixas para axilizar a carga burocrática do persoal médico, que tramita até 8.000 baixas ao día no conxunto da Galiza.

As autoridades galegas, co presidente, Alberto Núñez Feixoo, á fronte, manteñen a "tranquilidade" ante o aumento de ingresos hospitalarios pola Covid-19, aínda que segue a "preocupación" pola Atención Primaria. A respecto disto, a Administración traballa no axuste do sistema para tratar de que esta semana se implemente o modelo automático de baixas e altas laborais aos sete días se a persoa doente non ten síntomas.

Feixoo situara como moi tarde no horizonte desta segunda ou terza feira a implementación deste novo sistema para as incapacidades temporais por Ccovid-19 e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, ratificou nesta xornada nun acto en Vigo que se está traballando niso. Segundo trasladou, o Ministerio de Seguridade Social ratificou que se pode facer, mais pide que non se lle remita a alta "até o día sete", o que require "modificar" os sistemas de información da Xunta para que "esa alta que se produce nun único acto quede retida e non se envíe até o día sete".

"Tardaremos o menor tempo posíbel en implementalo, esta mesma semana se se pode quedará habilitado ese sistema para que se notifique nun acto único", aseverou o conselleiro, que repasou outras decisións adoptadas no país coa fin de aliviar a carga burocrática vencellada aos milleiros de baixas que, na liña dos contaxios, se están a rexistrar a diario.

Comesaña aludiu á vía da autodeclaración, con "3.000 ou 4.000 ao día", que xa non require da intervención do médico de familia, ou á mudanza do protocolo para o seguimento dos contactos, mais tamén á contratación de 86 médicos xubilados e á apertura da oferta para que se incorporen médicos sen especialidade en calidade de técnicos de saúde para contribuíren a desconxestionar a parte administrativa da Primaria.

"Seguiremos traballando nesa liña", esgrimiu Comesaña, quen incidiu en que o obxectivo é liberar os facultativos para que se poidan centrar na parte clínica, aínda que tamén destacou a importancia que xoga a enfermaría, coa figura "fundamental" da enfermaría familiar e comunitaria, no tratamento das patoloxías crónicas.

Entre 7.000 e 8.000 baixas ao día

Preguntado pola alza de ingresos hospitalarios e na liña do manifestado tamén polo conselleiro en Vigo, Núñez Feixoo asegurou que non lle preocupa a situación hospitalaria, que se mantén "estábel", mais si a situación da Atención Primaria, e puxo o foco tamén na carga administrativa.

"Teñen un traballo burocrático enorme, dado que falamos de 7.000 ó 8.000 baixas diarias", esgrimiu o presidente, antes de sinalar que, ademais, a "preocupación" pola Atención Primaria está presente para a Xunta "desde hai moito tempo" porque, alén da pandemia, "non hai recursos para cubrir xubilacións, enfermidades ou vacacións de médicos e pediatras" neste nivel de atención sanitario.

Feixoo insistiu en que a Atención Primaria "está saturada" e augurou que "seguirá" igual despois da pandemia se non se toman decisións para aumentar o número de prazas de facultativos. Lembrou a demanda dunha convocatoria MIR extraordinaria e engadiu que tamén sería positivo crear a especialidade de urxencias hospitalarias.

"O obxectivo é que podamos ter dous destinos MIR, o de médico de familia en Primaria e os que queiran facer urxencias para hospitalaria", sinalou o presidente, antes de apuntar que "agora hai moitos médicos de familia que, finalizada a súa formación, vanse posteriormente aos hospitais, e séguese descapitalizando a Primaria".