Ordes e Monforte de Lemos ficarán no nivel máximo de restricións

Sanidade chama a respectar o uso da máscara e a distancia social (Foto: Arxina).
Os gromos detectados nos últimos días nestes dous concellos frearon a mellora da situación epidemiolóxica na Galiza e eleva as restricións ante a maior incidencia.

A situación epidemiolóxica mellora na Galiza. A incidencia da Covid segue a descender malia que a caída tende a ralentizarse, advertiu o conselleiro de Sanidade tras finalizar a xuntanza do colectivo de expertos que asesoran o Goberno galego sobre a pandemia.

Porén, porfiou en avanzar no control do coronavirus para avanzar no descenso dos contaxios e, en consecuencia, da incidencia acumulada. "Hai que seguir pensando en diminuír casos", dixo García Comesaña, polo que romper as cadeas de transmisión segue a ser unha prioridade desde o punto de vista da saúde pública.

Neste sentido, desde esta Dirección Xeral de Saúde Pública fan chamamento a respectar as medidas de prevención, a acudir aos cribados masivos que Sanidade volverá convocar nas vindeiras xornadas e a evitar festas ou reunións privadas que poidan elevar o risco de contaxio, como xa alertaron no pasado.

Novas restricións

A evolución desigual da Covid segundo os territorios obrigou a refacer o mapa de restricións na Galiza. Desde o vindeiro sábado, 28 de agosto, rexerán novos límites atendendo á situación epidemiolóxica de cada municipio. 

No nivel maximo quedarán só dous concellos: Ordes e Monforte de Lemos, afectados ambos os dous por varios surtos nos últimos días que, probabelmente, sinalou garcía Comesaña, contribúen a frear unha mellora máis notábel da situación epidemiolóxico. 

Sanidade esperaba unha baixada de casos máis pronunciada na última semana que non se deu e que obriga a redobrar os esforzos.

Nivel alto, Sanidade sitúa 30 concellos: Fisterra, Laxe, Muxía, betanzosa, Cee, Sada, Camariñas, Vivmianzo, Carral, Cerdeda, Pontedeume, Ares, Cariño, Melide, Trazo, Rábade, Castro de Rei, Meira, A Pastoriza, O Saviñao, Pantón, Sober, O Barco de Valdeorras, Viana do Bolo, A Rúa, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, Nigrán, O Rosal e A Cañiza.

Ficarán no nivel medio os seguintes municipios: A Coruña, Zas, Coirós, Corcubión, Carballo, Ponteceso, Oza-Cesuras, Cambre, Culleredo, Oleiros, Arteixo, Cabana de Bergantiños, Malpica de Bergantiños, Miño, Fene, Narón, Cabanas, Mugardos, Ferrol, Rianxo, Boiro, Silleda, Santa Comba, Oroso, Porto do Son, Santiago de Compostela, Outeiro de Rei, Chantada, Lugo, Begonte, Allariz, Xinzo de Limia, A Veiga, Ourense, O Carballiño, Verín, A Lama, Marín, Catoira, Caldas de Reis, Pontevedra, Sanxenxo, Poio, Soutomaior, Bueu, Vigo, Gondomar, Salceda de Caselas, Pazos de Borbén. O Porriño, Ponteareas, Redondela, Arbo, As Neves, Tui e Tomiño.

Mozos en UCI

Máis aló dos cambios sinalados, Julio García Comesaña fixo fincapé na presión hospitalaria mais nos datos de vacinación.

A carga asistencial nos hospitais galegos descende, pero a ocupación nas unidades de críticos segue a ser alta, remarcaron as autoridades sanitarias. Neste sentido, o conselleiro lembrou que as UCI manteñen dous doentes de 16 e 18 anos, mais tamén de 23, 24, 34 e 35, ademais de persoas maiores, de até 78 anos, remarcou.

Rebaixar a incidencia hospitalario é o grande obxectivo. "Con 58 pacientes en UCI a pandemia non rematou", recalcou  García Comesaña, quen volveu destacar a vacinación como peza chave fornte ao virus.

Embarazadas

Ademais de destacar a incorporación dos nenos e nenas de 12 e 13 anos ao proceso, o conselleiro fixo un chamamento especial ás mulleres embarazadas, ás que lembrou a necesidade de vacinarse após o consenso da comunidade científica. Poden tomar a inicitiva e solicitar cita no 981 21 59 30, malia que o persoal médico tamén ten a encomenda de localizalas para animalas a se inocular.