Alivio na presión hospitalaria derivada da Covid: 300 persoas ingresadas e 10.038 casos activos

Menores de 12 e 13 anos esperan para se vacinar contra a Covid (Foto: Arxina).
A incidencia acumula na Galiza mantén unha liña descendente, máis modera a caída. As áreas sanitarias de Lugo e Santiago rompen esa tendencia con alzas a sete e 14 días. 

Galiza rexistrou nas últimas horas 402 novos contaxios por Covid, 45 menos que notificados o último día. O núemro de novos positivos descende en todas as áreas, excepto nas de Lugo e Santiago, onde rexistraron unha leve repunta, e na Ferrol, onde se manteñen.

Segundo os datospublicados esta terza feira pola Consellaría de Sanidade con datos até as 18 horas desta segunda, nas últimas hora o Sergas confirmou 402 casos novos, dos que Lugo e Santiago asumen a naior parte.

Nas últimas 24 horas, Lugo rexistrou 112 novos contaxios, 34 máis que na xornada precente, mentres que a área de Santiago anotou 82, sete máis. Na área sanitaria da Coruña confirmáronse 81 novos casos, que son 20 menos que os rexistrados o día anterior; en Vigo houbo 43 novos contagios,29 menos; en Ferrol, 33, o mesmo número que o día anterior; 26 contaxios novos en Pontevedra, 19 menos, e 25 na área de Ourense,18 menos.

Casos activos

Ademais do descenso global no número de novos contaxios, os casos activos de Covid na Galiza baixaron até os 10.038, o que supón 373 menos que hai un día. Os descensos rexistráronse en todas as áreas sanitarias, excepto na de Lugo.

Así, a área da Coruña mantense á cabeza no número de casos, con 2.930 (166 menos), seguida por Vigo, con 2.282 casos activos (147 menos). En Lugo hai 1.292 casos activos (61 máis); en Santiago hai 1.202 casos (9 menos); en Pontevedra hai 884 casos activos (61 menos); en Ferrol hai 751 casos (34 menos), e en Ourense hai 697 casos (17 menos).

Presión hospitalaria

Os datos publicados por Sanidade reflicten unha redución da presión hospitalaria, tanto en Unidades de Coidados Intensivos (UCI) como en unidades de hospitalización convencional. Así, notificáronse 58 pacientes críticos con Covid (5 menos) e 242 pacientes en planta (26 menos).

Por áreas, o maior número de pacientes graves atópase no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, con 19 casos en UCI (sen cambios). Na área de Vigo mantéñense 10 pacientes en UCI; na área de Ferrol hai 9 pacientes en UCI (dous menos que hai 24 horas); na área de Ourense seguen oito pacientes en UCI; na área de Santiago son cinco os pacientes en coidados críticos (un menos); en Pontevedra seguen catro pacientes en UCI, e en Lugo os pacientes máis graves baixaron a tres (dous menos).

Incidencia acumulada

A incidencia acumula na Galiza mantén unha liña descendente, máis modera a caída. A sete días, sitúase na contorna dos 149 casos por 100.000 habitantes. A dúas semanas ascende a perto de 322 casos. As áreas sanitarias de Lugo e Santiago son as únicas que rompen esa tendencia con alzas a sete días (104 e 108) e 14 días (356 e 246). 

Residencias

Nas residencia s de maiores , Política social informa de 118 casos activos entre as persoas usuarias. A das Gándaras, en Lugo, con 72 residentes afectados e a García Hermanos de Betanzos con 28, son as que máis infeccións xuntan. Nos centros de atención á discapacidade hai 51 casos activos.

 

Falecementos

Desde o inicio da pandemia faleceron 2.546 persoas con coronavirus. Os últimos decesos comunicados por Sanidade foron os dun home de 71 anos de idade, que morreu no Hospital Povisa e procedía do Fogar e Clínica de San Rafael para persoas discapacitadas; outro home, de 83 anos, ingresado no Chuvi; unha muller de 89 anos, ingresada no Hospital Lucus Augusti; un home de 92 que estaba no Complexo Hospitalario de Pontevedra; un home de 73 anos, ingresado no Chuac; e unha muller de 91 anos ingresada no Complexo Hospitalario de Pontevedra.