Sanidade xustifica as restricións no Barco por ter a taxa "máis alta da Galiza" e o "alto risco"

Proba do test do coronavirus na Galiza (Imaxe: Xunta)

A extensión de medidas a Meis e Sanxenxo obedece a que "contribúen ao aumento da incidencia na comarca", superior ao conxunto do país.

A Consellería de Sanidade xustifica as restricións no municipio do Barco de Valdeorras por presentar a taxa acumulada de Covid-19 a 3, 7 e 14 días "máis alta que a do conxunto da comarca e do conxunto da Galiza", ao que suma o feito de que están activos "varios gromos na actualidade" e que "os indicadores de risco da comarca mostran algunha característica de alto risco, como a porcentaxe de PCE positivas entre os contactos estreitos dun caso confirmado".

A iso, segundo indica Sanidade nunha orde publicada no Diario Oficial de Galiza (DOG) na noite a cuarta feira, recollida por Europa Press, suma "algunha característica de risco medio, como a porcentaxe de novos casos previamente en corentena" o que, a xuízo da Consellería, "fai recomendable establecer medidas restritivas neste concello".

Deste modo, o informe do comité clínico recomenda, explica Sandiade, restricións respecto ao tamaño dos grupos, cun máximo de dez persoas para non convivientes; limitacións de capacidade en establecementos comerciais, hostalaría e restauración; limitacións para a celebración de eventos e restricións respecto de festas, verbenas ou actuacións.

En concreto, considera que as medidas tendentes a limitar os grupos de persoas para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados e as limitacións para festas, verbenas ou outros eventos populares e multitudinarios "deben adoptarse para todo o ámbito do concello do Barco" debido ao "risco asociado a elas e a idade da poboación a que está a afectar de forma predominante o virus este momento".

O Salnés

Sobre O Salnés, noutra orde publicada no DOG, recollida por Europa Press, Sanidade sinala que a taxa acumulada a 3,7 e 14 días no total desta comarca "foi aumentando no tres últimas semanas, a expensas fundamentalmente dos casos de Vilagarcía e Vilanova de Arousa, que xa teñen medidas de control adoptadas", desde o pasado venres.

Pero para o comité clínico "os concellos de Meis e Sanxenxo tamén contribúen ao aumento da incidencia na comarca, que é superior ao do conxunto da Galiza".

Así, segundo a investigación epidemiolóxica, os concellos de Vilagarcía e Vilanova, ademais do de Meis, "teñen casos primarios e secundarios dun brote nunha industria cárnica", en relación a polo menos 110 casos detectados vinculados a Avigal (radicada en Cambados).

No caso de Sanxenxo, sinala Sanidade que conta con "brotes familiares que levan acumulándose desde finais de agosto". "Ademais todos os indicadores atópanse en risco algo, excepto os de porcentaxe de positividade e o número de pacientes ingresados que se atopan en risco medio".

Para os expertos sanitarios a situación "pode ser controlada se se establecen as medidas adecuadas", polo que o informe "recomenda continuar coas restricións vixentes actualmente en Vilagarcía e Vilanova de Arousa e estender estas a Meis e Sanxenxo.

A Xunta insiste en que as medidas "deben seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación desta orde".

Ourense

En relación á situación do municipio de Ourense, Sanidade indica noutra orde que a taxa de incidencia a sete días "duplica a do conxunto da Galiza calculada para estes mesmos días". A investigación epidemiolóxica apunta a que se debe "fundamentalmente a brotes familiares, que ademais están a provocar a aparición de casos en colexios".

"O gromo no concello de Ourense non está a evolucionar claramente en sentido positivo, xa que a incidencia segue aumentando e hai un alto número de ingresos". Ademais, os grupos de maior idade "están moi afectados", avisa Sanidade, "o que pode implicar un serio risco para estas persoas".

A Consellería lembra que na actualidade Ourense xa está suxeito a restricións e delimitáronse zonas da cidade onde "se detectaba unha maior agrupación dos casos" e nos que se estableceron medidas "aínda máis restritivas" relativas a aforamento. Deste xeito, recalca que "este brote segue tendo características de alto risco".

A Coruña

Por outra banda, desde esta quinta feira Sanidade elimina as medidas restritivas no municipio da Coruña porque a "situación mellorou" e a súa taxa "xa está por baixo da acumulada total da Galiza a 3-7-14 días".