Sanidade seguirá a recomendar o uso da máscara en interiores, tamén nos centros de ensino

Alumnado de primaria do CEIP López Ferreiro, en Compostela, no inicio do pasado curso. (Foto: Arxina)
O Goberno estatal deixa de fixar o seu uso como obrigatorio esta cuarta feira.

A Consellaría de Sanidade aposta por manter na Galiza a recomendación de usar a máscara en interiores, incluíndo os centros de ensino, unha vez que elimine o Goberno estatal a súa obrigatoriedade desde esta cuarta feira, 20 de abril.

Así o confirmou esta segunda feira o conselleiro, Julio García Comesaña, en declaracións aos medios nunha visita ao Hospital Psiquiátrico do Rebullón, en Mos. O responsábel de Sanidade avogou por "agardar" a ler o texto que se aprobará na terza feira a fin de "ver exactamente o que contén".

"Nós a información que temos do último Consello Interterritorial é que pasa de ser obrigatorio a ser recomendación, por tanto nós na mesma liña estamos, de manter esa recomendación nos interiores, mais sen ese carácter obrigatorio", explicou García Comesaña. "Especialmente no ámbito educativo", indicou o conselleiro, a Xunta está "pendente" do que o Ministerio de Sanidade e o de Educación "modifiquen ou deixen sen efecto para ver como se manexa" o uso da máscara.

De entrada, a proposta do Goberno galego a partir da cuarta feira é "deixar de facela obrigatorias e que quede no ámbito da recomendación", subliñou Comesaña.

A respecto diso, o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, a preguntas dos medios nun acto decorrido en Compostela esta segunda feira sobre as medidas que rexerán nos colexios galegos, que esta terza feira retomarán a actividade lectiva tras o paro da Semana Santa, apostou tamén por "esperar a ver o que di o texto definitivo para, a partir de aí, avaliar".

"Estamos afeitos, no ámbito educativo, a que os textos, até que estean publicados, non se pode fiar un deles", dixo Rodríguez, quen puxo como exemplo o borrador dos currículos escolares. Sobre esta cuestión, o conselleiro de Educación explicou que o que se coñece "polos medios" é que "se suprime a obrigatoriedade de ter a máscara en interior, obviamente tamén nos centros educativos", e que "se mantén nuns espazos moi acoutados", como hospitais e residencias. Con todo, apostou por "ver que se escribe ao final e despois tomar medidas".

Sexa como for, Rodríguez asegurou que a máscara "non é a única medida anti-Covid" dos centros educativos e que, "en función de como evolucione esta situación e pensando sobre todo no curso que vén", a Xunta "axustará o resto de medidas" de cara a setembro. "Oxalá vaiamos cara á normalidade en todos os aspectos da nosa vida cotiá, tamén no educativo", sinalou.

Recomendacións

Sobre a retirada das máscaras en interiores, en declaracións a Europa Press, o médico adxunto do servizo de enfermidades infecciosas do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) Álvaro Mena comentou que a Galiza está "preparada" para dar o paso, xa que a situación epidemiolóxica actual, con aumento de hospitalizados pola Covid-19, non ten "nada a ver con outros períodos de anos anteriores". "O recomendábel é que a xente teña certo grao de prudencia", afirmou.

Por iso, o doutor Mena cre que debe retirar a máscara a xente "cun certo sentido común", polo que apelou á "necesidade de autoprotección". A respecto dos espazos con alta concentración de persoas como os centros educativos, Mena apuntou que se trata de lugares con moita xente, mais matizou que en idade pediátrica a Covid non tivo un impacto grave. Por iso, ve "razoábel" que "aos poucos se vaia retirando a máscara aos nenos".

Como médico, considerou que "non é necesario o uso de máscara en nenos", pero puntualizou que se debe protexer aos "vulnerábeis", quer da Covid-19 quer doutros virus. Sobre outros lugares, como universidades, Álvaro Mena indicou que "non ten sentido que unha persona porte máscara na universidade e na cafetaría —da mesma ou de fóra— non sexa necesario".

Por iso, insistiu en que nunha aula non pode haber limitacións "que non existen na vida social" e no "día a día". Porén, insistiu en coidar ás persoas vulnerábeis, como os pacientes en hospitais e residentes de centros sociosanitarios.

Deste modo, instou a "actuar con sentido común" unha vez que o Goberno determine a retirada da máscara en interiores. Tras lembrar que as normas "hai que cumprilas", advertiu que "que se retire non quere dicir" que non "exista a posibilidade" de mantela no caso de que así se queira facer. Por iso, avogou por "ter a información e tomar a decisión axeitada". "Se cren que o risco é alto poden pór a máscara", sentenciou.