Sanidade non descarta recuperar a máscara en interiores ante o exponencial aumento de casos de Covid-19

Hoxe a máscara só é obrigatoria en centros residenciais, sanitarios, farmacias e transporte público, e opcional en contextos como o lugar de traballo. (Foto: Nós Diario)
O conselleiro advirte da detección de 2.400 positivos diarios, "entendendo que hai número importante de positivos que non declaran". Esta cuarta feira as hospitalizacións xa superan as 850, perto de 200 máis que unha semana atrás.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, volveu apelar esta cuarta feira á "precaución" tras o aumento de pacientes hospitalizados pola Covid-19 na Galiza, que xa superan os 850 —200 máis que hai unha semana— e avanzou que non se descarta recuperar o uso obrigatorio da máscara en interiores en función do aumento da presión asistencial.

"Nós estamos preocupados e expectantes con este incremento de casos", manifestou o conselleiro a preguntas dos medios. Segundo sinalou, "mantense a tendencia destes días, de casos rexistrados por probas feitas en ámbito hospitalario, Atención Primaria e en domicilio, con 2.400 positivos diarios", matizou, "entendendo que hai número importante de positivos que non declaran". "A cifra é preocupante estes días", afirmou.

Comesaña apuntou á "repercusión hospitalaria desta variante BA.5", que supón a maioría de casos detectados na actualidade e que ten, asegurou, "menor repercusión a respecto da gravidade da enfermidade". "Mais con estes números o incremento hospitalario é importante, 800 casos de pacientes hospitalizados cando nos moviamos na contorna dos 600 nestas últimas semanas, constante desde xaneiro, e en UCI rozando os 30. Son datos preocupantes que obrigan a estar máis pendentes", asegurou.

Preguntado sobre o perfil do paciente Covid, o conselleiro de Sanidade explicou que "se mantén o mesmo en toda a hospitalización" con "40% dos pacientes que ingresan por Covid e 60% con Covid agora mesmo". Con todo, afirmou que os que se atopan en UCI "están por Covid, con pneumonías", polo que esa diferenciación representa "un parámetro importante".

Recomendacións

No contexto actual, o conselleiro volveu convidar a vacinarse a quen non o fixo aínda, así como a recibir a dose de reforzo a quen non a teña porque "hai máis xente" da que se pensa sen ela.

Por outra parte, Comesaña apelou ao "sentido común" e ao "coñecemento que xa" ten a cidadanía "a estas alturas da pandemia". "Quen teña síntomas que extreme as precaucións", incidiu, para lembrar que o actual gromo supón "unha contorna diferente", sen "corentenas nin illamentos", pero con "sentido común".

Sanidade pide "sentido común" e "extremar as precaucións"

E, "de modo xeral", como "sempre" mantivo a Consellaría, "esa conveniencia de manter a máscara sempre que se estime oportuno". Sobre todo, aconsella levala en casos de "concentración de persoas". Porén, afirmou que Saúde Pública segue "moi pendente da evolución, en contacto con relatorio de alertas do Ministerio de Sanidade, monitorizando o que pasa en todo o Estado".

"Se houbese que dar un paso máis non dubidariamos en facelo", garantiu o conselleiro que, en todo caso, insistiu "na precaución e nesa preocupación". Preguntado sobre se a Galiza asumirá o "modelo Catalunya" de baixa de cinco días no caso de contaxio, Comesaña puntualizou que a Xunta ten que "velo", polo que confía en que "cedo" se reúna o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde ou o relatorio de alertas "para comentalo".

Con todo, lembrou que na Galiza seguen "as baixas en ámbitos vulnerábeis", así como o "sistema de baixas a través da autodeclaración", polo que os técnicos de saúde "tramitan a baixa sen ver" o paciente. "Esa solución xa a temos enriba da mesa", destacou, para incidir en que "a necesidade de baixa é por ter síntomas que precise esa baixa". "Mantémonos con esa estratexia", sentenciou.

A máscara volverá "se for preciso"

Preguntado en varias ocasións sobre recuperar a obrigatoriedade do uso de máscara en interiores, Comesaña lembrou que "o manexo da pandemia cambiou hai uns meses pola porcentaxe de vacinación" e incidiu en que se traballa "coa monitorización do que pasa nos hospitais".

A volta da máscara dependerá da presión asistencial

"A capacidade asistencial desde xaneiro fica estábel, con algún incremento importante nalgunha área sanitaria e algún salto grande en UCI", comentou, para engadir que iso "podería motivar algunha acción". Por iso, sinalou que hai parámetros "que non ten sentido manexar agora" como o número e taxa de positivos, polo que "falar de ondas no contexto anterior é difícil". "De momento estamos en números razoábeis, mais preocupados e expectantes", sentenciou.

E sobre o uso de máscara subliñou que "se fose preciso habería que poñela" de novo obrigatoriamente. "Aquí a chave vai ser a capacidade asistencial", insistiu.