A Generalitat reactiva o sistema das baixas automáticas por Covid-19 ante o aumento de casos

As baixas serán de 5 días, e non será preciso contar cun test positivo, só manifestar os síntomas.
Test de antíxenos da Covid-19. (Foto: Jesús Hellín/Europa Press)
photo_camera Test de antíxenos da Covid-19. (Foto: Jesús Hellín/Europa Press)

A Generalitat de Catalunya anunciou esta terza feira que recuperará o sistema de baixas automáticas de 5 días por contaxio de Covid-19 ante o incremento de casos no país e no conxunto do Estado español nas últimas semanas.

Así o anunciou a secretaria de Salut Pública, Carmen Cabezas, nunha comparecencia de prensa xunto á directora do Servei Català de la Salut, Gemma Craywinckel.

Segundo detallou Craywinckel, a "repercusión directa" na atención primaria da repunta de contaxios por coronavirus levou a retomar este procedemento, que permite acceder a unha baixa automática de forma telemática ou por teléfono, sen necesidade de contar cun test positivo. A alta, ao cabo dos cinco días, tamén se tramitaría de maneira automática.

Nas dúas últimas semanas, as visitas aos centros de saúde de Catalunya aumentaron 16%, ao mesmo tempo que se reduce o número de facultativos activos polas vacacións do período estival.

Máximo de casos na vindeira semana

A secretaria de Salut Pública afirmou que, se ben os casos seguen en aumento, agardan que o máximo de casos poida ser alcanzado a vindeira semana, ou a máis tardar a seguinte, xa que ven " un punto de freada no incremento" dos contaxios.

Os hospitais cataláns teñen agora mesmo 2.032 persoas ingresadas por coronavirus, das que 52 atópanse na Unidade de Coidados Intensivos (UCI).

Con estes datos, a Generalitat optou por recuperar, de forma temporal, o sistema de baixas automáticas, aínda que Craywinckel matizou que "agardan que sexan as persoas que realmente están enfermas as que accedan a esta vía".

Comentarios