Sanidade suspende cirurxías en Compostela, Ferrol e na Coruña ante a previsíbel falta de camas

Unha persoa é trasladada a un centro hospitalario contaxiada pola Covid-19. (Foto: Europa Press)

A Consellaría de Sanidade deu a orde esta semana de suspender ou reprogramar operacións non urxentes en Compostela, Ferrol e na Coruña debido á preocupante situación que atravesan os hospitais.

Transcendeu primeiro a suspensión ou reprogramación das cirurxías non urxentes na área sanitaria da Coruña debido á preocupante presión hospitalaria motivada pola terceira onda da Covid-19, mais padecen a mesma situación as áreas de Compostela e de Ferrol, segundo confirmou a Consellaría de Sanidade na noite da quinta feira.

“Como parte do Plan de continxencia fronte á pandemia, o Servizo Galego de Saúde está a aplicar, desde esta segunda feira, o aprazamento de determinados actos cirúrxicos que permitan demora. Trátase de cirurxía con ingreso complexas que poden requirir no postoperatorio o uso de camas de críticos”, sinala a Consellaría.

No comunicado de prensa, ponse de manifesto que “aquelas intervencións cirúrxicas cuxa reprogramación non xera complicación ningunha de tipo clínico na natureza médica da mesma, aprazaranse a días próximos co obxectivo de garantir a dispoñibilidade do número de camas que puidesen ser necesarias para enfrontarnos á terceira onda da pandemia”. Porén, as pacientes afectadas non dispoñen de nova data.

O resto da actividade cirúrxica, informa Sanidade, “continuará desenvolvéndose con total normalidade, dando cobertura a todos os procesos cirúrxicos de natureza oncolóxica, a toda a cirurxía urxente, cirurxía ambulatoria e resto de procesos contemplados na Lei de garantías”. Malia isto, doentes de Oncoloxía seguen á espera de realizaren probas como PAC cando menos na área sanitaria da Coruña.

Sanidade expón que a situación derivada da pandemia causada pola Covid “fixo que a actividade asistencial tivese que ser orientada á atención dos pacientes afectados por esta enfermidade”.

Hospitalización disparada

En comparación coas cifras de hai sete días e á espera de coñecer os datos que publica esta sexta feira a Consellaría, o número de persoas ingresadas nos hospitais galegos medrou un 25% no cómputo global e un 30% nas unidades de coidados intensivos.

Trátase dun aumento que tamén é significativo a respecto dos datos de 24 horas antes, pois só nun día ingresaron en unidades hospitalarias 34 persoas. Son un total de 545, das cales 82 ocupan camas UCI.

O maior número de persoas hospitalizadas concéntrase na área da Coruña-Cee, con 150, das cales 27 están en UCI. Tamén alcanza a centena Santiago-Barbanza, con 100 pacientes nos seus hospitais, dos que 8 se atopan en UCI.

Nas próximas semanas prevese un importante aumento da presión hospitalaria, debido ás cifras record de contaxios que se están a detectar nos últimos días.