A sanidade pública volve salvar a privada

Concentración de SOS Sanidade Pública en Compostela contra os recortes e a privatización (Arxina).
A Consellaría de Sanidade acordou a fin da autoconcertación para derivar á privada os casos máis urxentes da actividade programada paralizada pola pandemia. Profesionais e sindicatos denuncian "un salto cualitativo" sen precedentes.

A decisión da Consellaría de Sanidade de manter suspendidas as actividades programadas nos hospitais públicos da Galiza en horario de tarde espertou unha nova corrente de protestas e descontento entre os profesionais sanitarios. Censuran o desaproveitamento dos recursos públicos en beneficio da sanidade privada, que insiste en pedir "axudas e compensacións para paliar a deterioración económica causada pola actividade de servizo asistencial desenvolvida durante a pandemia de saúde pública".

Os hospitais privados da Galiza reclamáronlle á Xunta medidas urxentes para manter en 2020 os mesmos pagamentos que o ano anterior, un concerto capaz de garantir a súa liquidez e de compensar as perdas acumuladas desde a declaración do estado de alarma e a posterior posta a disposición do Servizo Galego de Saúde (Sergas) de todos os seus recursos. Segundo expuxeron durante a súa demanda, o sistema público de saúde apenas derivou pacientes Covid ás súas instalacións, o que provocou unha caída da actividade de 80% e unhas perdas estimadas de 40 millóns de euros a primeiros de maio, coincidindo co inicio da fase 1 do desconfinamento.

O Sergas propuxo nun borrador ampliar ao horario de tarde a actividade hospitalaria especializada.

O Sergas comezaba a facer públicos os seus plans de reactivación asistencial na Atención Primaria e a definir os protocolos que habían de guiar a recuperación da actividade nos hospitais de todas as áreas sanitarias da Galiza. No borrador dunha instrución dirixida a todas as xerencias, o Servizo Galego de Saúde propuxo, nas mesmas datas, ampliar ao horario de tarde a actividade especializada. Nese texto recollía a necesidade de reprogramar as consultas médicas hospitalarias que adoitan concentrarse polas mañás como medida preventiva fronte a pandemia, co fin de evitar as aglomeracións das pacientes.

Actividade de tarde

Na práctica, propoñía optimizar os hospitais entre as 15 e as 22 horas baixo o apelativo dunha "reformulación funcional preventiva" para todas as áreas sanitarias do país, unha medida que freou malia a súa propia iniciativa para non recuperar sequera a actividade de tarde que se practicaba en moitos hospitais a través da autoconcertación, é dicir, a realización de actividade clínica fóra da xornada ordinaria do persoal sanitario.

Como xa avanzou Nós Diario, a decisión partiu da Consellaría de Sanidade, que advertiu da fin das "peonadas" durante os próximos meses co obxectivo de incrementar as derivacións cara a centros hospitalarios privados e compensar as perdas ocasionadas pola Covid-19.

Están derivando á privada pacientes de uroloxía e traumatoloxía pendentes de intervencións cirúrxicas.

"Na área sanitaria da Coruña-Cee non se chegou a recuperar a actividade de tarde programada", explica Lucía Peón responsábel comarcal da CIG-Saúde. "E o que máis chama a atención é que, mentres tanto, se están derivando á sanidade privada pacientes pendentes de intervencións cirúrxicas de uroloxía e de traumatoloxía, en concreto, ao Hospital Quirón e ao San Rafael, respectivamente; dúas especialidades que antes da pandemia se atendían na quenda de tarde e que agora se trasladan á privada".

Desde o sindicato nacionalista rexeitan os argumentos exhibidos tanto pola xerencia da área sanitaria como da Administración, que se amparan no "alugueiro de quirófanos" para xustificar as derivacións que se veñen facendo "mais non é preciso alugar quirófano ningún en hospitais privados cando están dispoñíbeis os do Sergas", critica Peón, quen defende que esa decisión atende outro tipo de intereses. "Após as queixas da sanidade privada polas perdas sufridas durante a crise sanitaria, cremos que isto é unha compensación que se lle ofrece cos cartos de todas as galegas e galegos".

Nunca antes se derivaran doentes á privada sen peonadas previas.

De momento, na área da Coruña-Cee, a derivación de pacientes cara á sanidade privada afecta a actividade cirúrxica, unha práctica habitual antes da aparición do coronavirus "aínda que nunca antes se fixera nas condicións que se dan agora, sen ter as tardes cubertas", incide Lucía Peón.

As peonadas viñan atender ese oco, ademais da necesidade de alixeirar as listas de espera, que se incrementaron coa paralización da actividade ordinaria e cirúrxica durante a crise da Covid-19. "Tradicionalmente, dentro da sanidade pública, empréganse dous mecanismos para reducir as listas de espera: a derivación á privada e a autoconcertación", explica Manuel González Moreira, voceiro de SOS Sanidade Pública en Vigo e delegado sindical da CIG.

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir deste sábado, día 4, nos quiosques ou na nube]