Sanxenxo alugará vivendas a médicos de fóra da Galiza e a Plataforma en Defensa da Sanidade advirte: "Non é a solución"

Manifestación en defensa da Sanidade Pública, o pasado ano, en Compostela. (Foto: Arxina)
"O problema non é a falta de vivenda, senón as precarias condicións laborais do persoal, a non cobertura de ausencias e a falla de previsión e xestión", sinala o colectivo, que pon o foco en que as carencias da Primaria no municipio afectan "todo o ano" e non só na tempada de verán.

O Concello de Sanxenxo anunciou esta cuarta feira que asumirá o alugueiro de catro vivendas no municipio durante os meses de verán para acoller profesionais médicos que veñan de fóra da Galiza a reforzar o cadro de persoal, nun período, o estival, no que o turismo dispara a ocupación e, en consecuencia, tamén o centro de saúde.

"Todos coñecemos o déficit de médicos en Atención Primaria e o que se busca é atraer profesionais médicos de fóra da Galiza", dixo o xerente do Sergas, José Flores, que asinou o convenio co rexedor de Sanxenxo, Telmo Martín.

Mais as eivas no servizo sanitario deste concello, "e da Galiza por extensión", non se "resolverán" con esta medida, advirte esta quinta feira, en resposta ao Sergas e o Goberno local, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo: "O problema non é a falta de vivenda, senón as precarias condicións laborais do persoal, a non cobertura de ausencias e a falla de previsión e xestión".

Este colectivo cualifican o anuncio de "mofa" e "trato discriminatorio" para o persoal que traballa nos centros de saúde do municipio todo o ano. "É un claro intento populista de ocultar os problemas de fondo que sofre a sanidade pública en toda a Galiza", subliñan.

Falta de persoal e contratos "precarios"

"Este mesmo ano pasado, as ausencias de persoal por baixas e vacacións non foron cubertas. No caso concreto do consultorio de Vilalonga as persoas usuarias chegaron a quedar sen atención en varias ocasións ao non ter sido cubertas as ausencias do persoal", engaden.

A meirande parte dos contratos, lamentan, son "interinos e por horas, días, semanas ou, con sorte, meses". E, "despois de tal trato, ou máis ben maltrato", apuntan desde a plataforma, os facultativos "encóntranse con que a súa xestión levou a que o persoal marchase do país e non quede apenas xente para traballar nas condicións precarias que ofrecen".

Arranxar a "penosa" situación que atravesa a Primaria, insisten, "pasa por investir" neste servizo, "dimensionando axeitadamente os centros de saúde de acordo ás necesidades da poboación".