O Goberno galego, o único do Estado que recorta en Atención Primaria

A Galiza aparece novamente á cola do Estado nun informe sobre servizos públicos. Desta volta, o de Amnistía Internacional sobre a Atención Primaria e no que a Galiza é o único territorio que 'desinviste' neste servizo: orza 1,9% menos que en 2021. Para o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o problema na Primaria non é de falla de investimento senón de "dificultade de atopar persoal".

O informe publicado esta cuarta feira por Amnistía Internacional deixa pouco oco para as dúbidas sobre a situación da Atención Primaria na Galiza e no Estado. Se ben ningunha comunidade cumpre co 25% de investimento neste servizo que pide a Organización Mundial da Saúde (OMS), a Galiza é o único territorio do Estado onde hai un 'desinvestimento' en Primaria: 1,9% menos de orzamento. A moita distancia de todas as demais comunidades. Nos orzamentos de 2022, o crecemento medio no Estado do peso económico que supón o investimento en Atención Primaria respecto do total destinado a sanidade representa 14,7%.

Datos negativos

Este non é o único dato negativo no mencionado informe que pon en cuestión a xestión sanitaria da Xunta nestes anos. A Galiza é das que menos inviste en sanidade, só 0,17% o pasado ano. E tamén figura entre as que 'desinviste' en orzamentos para persoal sanitario (-0,1%), sempre segundo o que apunta Amnistía Internacional. 

Porén, para o presidente da Xunta, a situación na Atención Primaria na Galiza non deriva dos recortes ou falta de orzamentos. "Non é un problema de investimento", dixo onte Alfonso Rueda na súa comparecencia após o Consello da Xunta, senón de "dificultade para atopar persoal", situación da que responsabilizou o Goberno español.

Rueda tamén tivo que responder onte ás preguntas dos xornalistas sobre outro informe, esta vez elaborado pola Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais, e no que a Galiza está á cola do Estado en investimento no servizo de dependencia. O conxunto dos Gobernos autonómicos destinaron en 2021 de media ao financiamento deste servizo 79,1% do seu custo total, porén a Xunta só dedicou 67%. 

Para Rueda, a responsabilidade aquí tamén cae sobre o Goberno estatal. El é o responsábel da situación da dependencia na Galiza xa que "non achega" a parte de financiamento que lle corresponde. "Adebédanos máis de 2.100 millóns de euros nestes anos", dixo o presidente da Xunta, que insistiu en que o Estado non contribúe a financiar o 50% da dependencia na Galiza que "por lei lle corresponde".

O terceiro informe publicado estes días e que cuestiona a política da Xunta en servizos sanitarios provén da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP). O estudo conclúe que a Galiza figura entre as comunidades cun servizo sanitario "deficiente". Euskadi, Nafarroa e Asturias son os territorios que para a Federación teñen mellores servizos. 

Saúde mental en menores

O BNG reclamou onte no Parlamento ao Goberno galego o reforzo de persoal tanto no ámbito educativo como no sanitario para afrontar o aumento de problemas de saúde de mental en menores. 

Fíxoo con motivo dunha proposición non de lei sobre esta cuestión presentada polo BNG no pleno e defendida polo deputado Manuel Antonio Lourenzo. Finalmente, non foi aprobada ao contar cos 'non' do PP. O PSdeG abstívose.