A sanidade privada posúe xa seis de cada 10 hospitais na Galiza e 23% das camas

O Hospital de Povisa en Vigo conta con 530 camas e o centro atende 135.000 persoas adscritas do Sergas. (Foto: Europa Press)
Os tres hospitais galegos —Povisa (Vigo), Polusa (Lugo) e Juan Cardona (Ferrol)— do grupo Ribera Salud van seguir xestionados pola empresa valenciana malia o cambio no accionariado coa entrada do grupo francés Vivalto Santé. A sanidade privada na Galiza, mentres, segue a gañar terreo.

Os hospitais Povisa, Polusa e Juan Cardona suman por volta de 850 camas. O complexo vigués, Povisa, ten 135.000 persoas adscritas do Sergas, con que vai renovar o convenio de atención a esta poboación en 2024. O grupo valenciano Ribera Salud é propietario dos tres hospitais e esta terza feira dixo que así seguirá malia a entrada no accionarado do holding europeo do que fai parte Vivalto Salté. Mais estes movementos indican como a sanidade privada na Galiza segue a ser un terreo de negocio.

A presidenta do comité de Povisa, Chus Neira, cualificou como "un despropósito" que se "utilice usuarios e traballadores como moeda de cambio para os intereses das multinacionais". O persoal dos complexos hospitalarios dixo non saber nada destas operacións e pediu unha reunión con Sanidade.

Na Galiza case seis de cada 10 hospitais, 57%, son privados, así como 23% das camas hospitalarias —perto de 2.300—, como se recolle no informe da Fundación Idis (Instituto para o desenvolvemento e integración da sanidade) correspondente ao exercicio 2021.  A isto engádese cada vez máis peso da privada en cuestións como equipos de alta tecnoloxía.

Aumento da contratación de seguros privados

A privada aumenta a súa presenza na Galiza nuns anos de aumento dos galegos e galegas que optan por contratar seguros sanitarios privados, por volta de 8.100 deron ese paso o ano pasado e xa son 427.000 as persoas aseguradas, o que representa 44.000 máis que en 2017.

O aumento das listas de espera, os efectos dos recortes na sanidade pública e a ofensiva de ofertas low cost por parte destes seguros son algúns dos motivos do aumento. Segundo ten sinalado a Nós Diario o portavoz de SOS Sanidade, Manuel Martín, "os seguros privados teñen ampliado a súa cobertura desde 2020 en máis de 10 puntos, representando a Atención Primaria 30% do total".

206 millóns en convenios

O Goberno galego entregou á sanidade privada 206 millóns de euros, segundo o Informe de fiscalización do Servizo Galego de Saúde de 2019, elaborado polo Consello de Contas —o último publicado—.  Os orzamentos públicos son unha das principais vías de financiamento dos hospitais privados. Segundo os propios datos da patronal galega da sanidade, 37,2% dos seus ingresos proceden de achegas da Xunta.

Un estudo publicado en maio pola Federación de asociacións para a defensa da sanidade pública (Fadsp) situaba a Galiza como o quinto territorio do Estado español con maior grao de privatización dos seus servizos sanitarios. Avanzou tres postos desde 2019 en privatización.

O "caso" do Cunqueiro

O Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo, posto no seu día pola Xunta como "exemplo" de colaboración público-privada, acumulou nestes anos ducias de problemáticas, desde fallos graves na cociña a falla de equipamentos básicos. A CIG denunciaba en 2021 que 73 millóns de euros públicos ían para os fondos e empresas da concesionaria do hospital.

Diferentes grupos operan no mapa sanitario privado galego

Vivalto Santé xestionaba en 2009 tres clínicas en Francia e hoxe posúe medio cento de centros sanitarios e máis de 10.000 traballadores e traballadoras. Entre os seus accionistas hai bancos (BNP Paribas, Crédit Agricole), mutuas (Macsf) ou un fondo de investimento ligado a Abu Dabhi (Mubadala).

A súa estratexia pasa agora por adquirir hospitais no Estado español e Portugal. Diferentes grupos operan no negocio da sanidade privada na Galiza. Aí están actores como o grupo Quirón —propietario  do hospital Miguel Domínguez de Pontevedra, do Instituto de Neurorreabilitación de Pontevedra, do centro Quirón da Coruña e do sanatorio Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo—, Vithas ou HM (Hospitales de Madrid).